UPTA, en colaboración con APE Galicia, está a levar un proxecto formativo dirixido a persoas traballadoras autónomas, traballadores e traballadoras por conta allea e traballadores e traballadoras en situación de ERTE.
En concreto, trátase dun curso oficial en competencias dixitais, cunha duración total de 30 horas, que se impartirá en modalidade virtual titorizada. Esta formación é unha gran oportunidade para aquelas persoas que queiran dixitalizar a súa empresa ou posicionala no xigante de Internet, ou simplemente para aprender e ampliar coñecementos sobre como xestionar o avance tecnolóxico.
Máis polo miúdo, a formación permitirá identificar, localizar, obter, almacenar, organizar e analizar información dixital, datos e contidos dixitais, avaliando a súa finalidade e relevancia para as distintas tarefas profesionais. Ademais, as persoas participantes tamén aprenderán a comunicar en contornas dixitais, compartir recursos propios a través de ferramentas online, conectar e colaborar con outros a través de ferramentas dixitais, interactuar e participar en comunidades e redes e conseguir unha cultura dixital.
Doutra banda, durante o curso tamén ensinarán a crear e editar contidos dixitais novos, integrar e reelaborar coñecementos e contidos previos, realizar producións dixitais e programación informática, coñecer as licencias de uso de materiais de terceiros e aplicar os dereitos de propiedade intelectual. Así mesmo, entre os contidos formativos figuran a protección da información e datos persoais, protección da identidade dixital, dos contidos dixitais e das aplicacións informáticas, e tamén o coñecemento das medidas de seguridade, e o uso responsable e seguro da información dixital.
Finalmente, os alumnos e alumnas da formación aprenderán a identificar necesidades do uso de recursos dixitais para ampliar coñecemento, tomar decisións informadas sobre as ferramentas dixitais máis apropiadas segundo o propósito ou a necesidade, resolver problemas a través de medios dixitais, usar as tecnoloxías de forma creativa para resolver problemas técnicos e actualizar a súa propia competencia e a de outros.
As persoas participantes terán acceso a unha plataforma online, a través da cal poderán consultar en todo momento a súa evolución, e polo cal necesitarán un dispositivo con conexión a internet. Nesta plataforma impartiranse clases en directo a través da aula virtual, leccións interactivas, contido teórico descargable, material complementario, foros, videotutoriais, actividades de reforzo e relatorios virtuais.
Unha vez finalizado o curso, as e os participantes poderán tramitar a súa acreditación e obterán un certificado de superación. Ademais, como actividade extra, as persoas que superen o 80% do curso poderán participar nun Escape Room, no que se aplicarán as competencias dixitais adquiridas.
Dende APE Galicia consideramos que a formación é unha ferramenta fundamental para que as persoas traballadoras adquiran a cualificación e profesionalización necesaria, xa que fortalece e favorece a competitividade das actividades económicas. E, precisamente, os coñecementos en materia dixital son indispensables nos tempos actuais e na sociedade cada vez máis hiperconectada na que vivimos. A dixitalización é un dos camiños que temos á nosa disposición para ampliar e alcanzar os nosos obxectivos.
As persoas que reúnan os requisitos e non queiran perder esta oportunidade poden inscribirse en www.apegalicia.gal