O pasado luns 8 de marzo o presidente da Asociación Intersectorial e Interritorial de Autónomos e Pequenas Empresas de Galicia, José Ramón Caldas, acompañado da secretaria técnica executiva da Asociación, Sonia Acuña, firmaron un convenio colaborador coa Confederación Empresarial de Ourense, representada pola súa presidenta, María Sol Novoa, e o contador, David Martínez.
Con este acto, que se levou a cabo a través de videoconferencia, as dúas entidades quixeron certificar a súa relación, que pretenden que sexa o máis beneficiosa posible sobre todo para as pequenas empresas e as persoas traballadora autónomas da provincia de Ourense.
Tal e como lembrou José Ramón Caldas,”a difícil situación que estamos a vivir coa crise da Covid-19, que tanto está a afectar ao sector, necesita da unión e do traballo en conxunto para poder saír adiante”, e con ese obxectivo xurde a alianza entre APE Galicia e a CEO.
Pola súa parte, María Sol Novoa mostrouse satisfeita e optimista de que este convenio resulte produtivo para os intereses e necesidades dos seus asociados.
Sumando asociados
Con esta firma, APE Galicia segue crecendo e ofrecendo a seus servizos ao maior número de persoas traballadoras autónomas e pequenas empresas de Galicia.
Dende principios deste ano 2021, o presidente de APE firmou os seguintes convenios de colaboración: Confederación de Empresarios de A Coruña, Federación de Prazas de Abastos de Galicia, Acisa Ribadeo, Asociación Empresarial Veterinaria de Galicia, Asociación de Tintorerías y Lavanderías de Pontevedra, Asociación de Empresarios de la Comarca de Arzúa, IEN por Europa, Asociación Centro Comercial Casco Histórico de Viveiro, Asociación de Empresarios de Culleredo e, este último, o da Confederación Empresarial de Ourense.
Ademais, está a manter contactos con diversas asociacións galegas de todos os sectores coa posibilidade de que nun futuro poidan formar parte de APE Galicia e, así, traballar xuntos para axudar aos que están pasándoo mal pola pandemia e axudar na recuperación económica de Galicia. Porque xuntos somos máis fortes.