APE Galicia deu comezo esta mesma tarde, na súa sede de Pontevedra, á formación totalmente gratuíta de “Organización e xestión de almacéns”, dirixida a persoas desempregadas que queiran ampliar coñecementos neste ámbito. As persoas interesadas en participar aínda teñen dispoñibles as últimas prazas e poden solicitar máis información en www.apegalicia.gal.

En concreto, “Organización e xestión de almacéns”, cunha duración de 408 horas, será impartido en horario de 15 a 20 horas na aula 2 da sede de APE Galicia, na rúa Gagos de Mendoza (Pontevedra). Cabe destacar que este certificado de profesionalidade nivel 3 trátase do maior rango de cualificación que se pode atopar nas acreditacións profesionais actuais en España e que ofrece múltiples saídas laborais hoxe en día.

Neste eido, trátase dun título que permitirá ás alumnas e alumnos exercer profesionalmente nesta área laboral, en tarefas como, por exemplo, técnicos/as en xestión de stocks ou almacén, almaceneiras/os de empresas de transportes, persoas empregadas administrativas dos servizos de almacenamento e recepción, técnico en loxística de almacéns, xestores de almacén, responsables de recepción ou expedición de mercancías.

Ademais, é preciso resaltar tamén que para poder realizar estes cursos de nivel 3 é necesario cumprir, polo menos, un dos seguintes requisitos: estar en posesión do título de Bacharelato, posuír outro Certificado de Profesionalidade do mesmo nivel, estar en posesión dun Certificado de Profesionalidade de nivel 2 da mesma familia e área profesional, dispoñer dun título de Técnico, Técnico Superior de FP, posuír un título de Técnico ou Técnico Superior de Artes Plásticas e Deseño, contar cunha titulación universitaria oficial, ter superada a proba de acceso a un ciclo formativo de grado superior, ter superada a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos ou de 45 anos, ou ter as competencias necesarias para cursar con aproveitamento esta formación.

A formación está financiada pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, polo Ministerio de Traballo e Economía Social do Goberno de España e polo Servicio Público de Empleo Estatal.

Abrir chat
Hola
¿En qué podemos ayudarte?