APE Galicia, en colaboración con AECO Asociación de Empresarias de A Coruña e coa financiación da Xunta de Galicia, desenvolve a próxima semana tres xornadas de Prevención de Riscos Laborais na Coruña.

En concreto, o luns 24 de outubro ás 16:30 horas, terá lugar “PRL e traballadores de máis de 55 anos. Esta xornada versará sobre ese sector da poboación que ten unha serie de riscos específicos. Neste eido, cabe destacar que a poboación activa de máis de 55 anos medrou case un 50% nos últimos anos, este dato amosa a necesidade de proporcionarlle unha atención especial en canto á prevención de riscos laborais, xa que as súas condicións físicas non son as mesmas que as de outros sectores da poboación. As persoas traballadoras a partir dunha certa idade precisan unhas ferramentas de protección específica e, por iso, mediante esta formación realizamos unha análise de cales son e como debemos usalas de maneira correcta. O relatorio estará impartido por José María Rivas Moar, enxeñeiro industrial da Universidade de Vigo, propietario de RMCI Ingeniería e profesor na ERLAC – Fundación E.U. de Relaciones Laborales de A Coruña.

Ao día seguinte, o martes 25 ás 12:30 horas, a acción será “Fomento do hábito de vida saudable”. O obxectivo desta xornada é promover un estilo de vida no ámbito de traballo que aporte beneficios tanto para a persoa traballadora como para a empresa. Ademais, daremos a coñecer as ferramentas que impulsan estes hábitos de vida saudable, así como pautas e tips que serven para mellorar o clima laboral e a imaxe que se proxecta cara ao exterior. A acción será impartida por Belén Varela Romero, licenciada en Dereito, especialista en práctica xurídica, cun máster en Dirección de Recursos Humanos, e docente na ERLAC – Fundación E.U. de Relaciones Laborales de A Coruña.

Por último, o xoves 27 ás 10:00 horas, levaremos a cabo “Avances na saúde laboral e condicións de traballo con perspectiva de xénero”. Esta xornada ten como finalidade sensibilizar sobre a importancia da introdución da perspectiva de xénero en materia de prevención de riscos laborais. En ocasións, as condicións nas que se desenvolven as traballadoras e os traballadores son diferentes e desiguais. A incorporación da perspectiva de xénero contribúe a detectar e corrixir os sesgos de xénero que se dan nas actividades preventivas e de vixilancia da saúde. Con esta acción daremos a coñecer os riscos intrínsecos en cada ámbito e indicaremos como adaptar as diferentes ferramentas e solucións. Nesta ocasión será Cristina Faraldo Cabana a que impartirá a xornada, Faraldo é licenciada e doutora en dereito, diplomada en criminoloxía e docente na ERLAC – Fundación E.U. de Relaciones Laborales de A Coruña.

As tres xornadas desenvolveranse na sede de AECO, situada en iWorks Business Center & Coworking, na rúa Juan de la Cierva, 5 (A Coruña). As persoas interesadas en participar poden facer a inscrición en www.apegalicia.gal.

A Prevención de Riscos Laborais (PRL) trátase do conxunto de medidas ou accións das que dispón unha empresa ou negocio para evitar ou diminuír na medida do posible os perigos derivados da actividade laboral. Deste xeito, a empresa debe adoptar unha actividade preventiva co obxectivo de promover a seguridade e saúde dos seus traballadores e traballadoras, reducindo a sinistralidade laboral e a incidencia de enfermidades profesionais. Todas as persoas traballadoras teñen unha exposición a riscos á hora de desempeñar as tarefas laborais. Neste eido, existen diversos tipos de perigo, debemos ter en conta os riscos físicos, químicos, biolóxicos, ergonómicos, psicosociais, mecánicos ou ambientais.

Para desenvolver unha correcta prevención de riscos laborais nunha empresa é fundamental realizar unha correcta avaliación dos riscos que poidan existir para cada persoa traballadora. A partir de aí, a empresa pode tomar decisións e levar a cabo unha serie de medidas preventivas adaptadas dirixidas a reducir os riscos adaptados a cada persoa. Como exemplo, cabería sinalar que é evidente que os perigos á hora de sufrir determinados accidentes ou a tendencia a padecer certos problemas de saúde non son os mesmos para unha persoa de 20 anos que para unha de 60.

Dende APE Galicia queremos darlle visibilidade e afondar neste tema tan importante a través da realización de xornadas formativas, especializadas en distintas temáticas, nas catro provincias galegas. Canta máis información teñamos recompilada máis sinxelo será levar a cabo a avaliación dos riscos. Posteriormente, e en función da análise preventiva realizada, solo quedará definir as accións máis eficaces, adaptadas a cada traballador e traballadora en concreto, para garantir a diminución dos riscos laborais.

Abrir chat
Hola
¿En qué podemos ayudarte?