O Carballiño, 15 de maio de 2025 – A Asociación de Autónomos e Pequenas Empresas de Galicia (APE Galicia) representada por Jose Ramón Caldas, presidente da asociación e Silvia Crespo celebrou este xoves unha xornada divulgativa no Hotel Arenteiro de O Carballiño, centrada nos retos actuais e futuros do comercio local, co foco posto no relevo xeracional e nas ferramentas para afrontar os desafíos do sector.
O acto foi presentado e dirixido por Silvia Crespo, responsable de comunicación de APE Galicia, quen deu paso aos distintos bloques do programa, conducindo con dinamismo as mesas de debate e as intervencións dos relatores.
A apertura oficial estivo a cargo de David Martínez Alonso, vicepresidente de APE Galicia pola provincia de Ourense, quen destacou a importancia de crear espazos de encontro para compartir experiencias e buscar solucións conxuntas.
O acto arrancou cun saúdo institucional do alcalde de O Carballiño, Francisco Fumega, quen deu a benvida ás persoas asistentes e puxo en valor a celebración deste tipo de encontros para impulsar o desenvolvemento económico e apoiar o tecido comercial do concello e da contorna.
A primeira mesa, moderada por Silvia Crespo, abordou a remuda xeracional no comercio. Interviñeron Pablo Fernández, secretario xeral de Emprego; Noelia Rodríguez Aparicio, presidenta da Asociación de Xóvenes Empresarios de Ourense; e Julián Garriga, presidente do Centro Comercial Aberto do Carballiño. Os poñentes coincidiron na necesidade de fomentar o emprendemento entre a mocidade e de facilitar a continuidade dos negocios familiares.
A segunda mesa, moderada por Julio Vila, centrouse nas ferramentas para afrontar os retos do sector do comercio. Participaron Gabriel Alén, director xeral de Comercio; e
Beatriz Gómez Valcárcel, presidenta da Federación de Comercio de Ourense. Analizáronse as oportunidades que ofrece a dixitalización e as axudas dispoñibles para modernizar os negocios locais.
A xornada incluíu tamén a presentación do caso de éxito de “Lamargha”, unha marca de moda que combina tradición e innovación, e unha píldora formativa sobre as novidades da factura electrónica, impartida por Jaime Barreiro, quen explicou os cambios normativos e as obrigas que afectarán aos autónomos e pequenas empresas nos vindeiros meses.
O acto pechouse coas intervencións de José Ramón Caldas, presidente de APE Galicia, e José González Vázquez, conselleiro de Emprego, quen resaltaron o compromiso das institucións co apoio ao comercio local e ao emprendemento.
APE Galicia agradece especialmente a asistencia e implicación dos alcaldes das comarcas do Ribeiro e do Carballiño, cuxa presenza reflicte o seu compromiso co desenvolvemento económico da zona. Ademais, agradécese as invitacións recibidas para visitar os seus concellos e coñecer de primeira man as iniciativas locais en apoio ao comercio e ao emprego autónomo.