Na tarde de onte APE Galicia, celebrou na súa sede principal a súa Asemblea Xeral Ordinaria.
No salón de actos déronse cita moitos dos presidentes e presidentas, xerentes e representantes das asociacións vinculadas a esta entidade procedentes de diferentes partes da comunidade galega, e que deron por aprobados todos os puntos da orde do día.
No transcurso da sesión aprobáronse as contas de 2019 e fíxose unha previsión do orzamento do presente exercicio. Ademais, analizáronse as iniciativas que a entidade ten en marcha, entre elas os «Encontros APE Galicia» que levarán a Ferrol, Lugo e Ourense e o XI Congreso das Persoas Traballadoras Autónomas que se celebra o vindeiro sábado 7 de marzo.
O presidente, José Ramón Caldas, informou os asistentes que APE Galicia, segue crecendo e sumando membros, e que a día de hoxe representa a 60.754 traballadores e traballadoras autónomos.
Tras a súa intervención, deuse paso ao relatorio programado dentro da orde do día. Juán Lirón Lago, Subdirector Xeral de Emprego, presentou as distintas lineas de apoio que a Xunta de Galicia está a poñer ao dispor do colectivo autónomo e que deu por finalizada para recibir a visita de Francisco Conde, Conselleiro de Economía, Emprego e Industria.
O conselleiro, que chegou acompañado do Director Xeral de Orientación e Promoción Labora, Pablo Casal, mantivo un encontro coa Xunta Directiva desta entidade e o resto de asistentes.
Durante a súa intervención, sinalou que «o asociacionismo é clave para colaborar coa Administración no impulso do colectivo autónomo, e canalizar as súas inquietudes e demandas», e tivo a oportunidade de escoitar as propostas dos asistentes. Ademais apuntou que «o labor da Administración non é só apoiar aos autónomos e autónomas para que poidan emprender e consolidar os seus negocios, senón tamén facilitar a conciliación, as novas oportunidades ou a transmisión xeracional, tal e como recolle a Estratexia Autónomo 2020».
Desde APE Galicia, agradecemos a colaboración da nosa Xunta Directiva, ademais da asistencia de todos os membros e representantes das distintas asociacións vinculadas, e a dispoñibilidade que sempre ten coa nosa entidade a Xunta de Galicia.