O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde presentou esta mañá xunto co presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, o Programa Bono Activa Comercio, cuxas bases saíron hoxe publicadas no Diario Oficial de Galicia.
O programa Bonos Activa Comercio, que estará vixente ata o 31 de decembro de 2021, ten como obxectivo incentivar a demanda comercial axudando economicamente as persoas consumidoras e fomentar o consumo nos establecementos comerciais retallistas adheridos á campaña, intentando reducir o impacto económico derivado do cesamento e das restricións da actividade de determinados establecementos comerciais como consecuencia da situación ocasionada pola COVID-19.
Este programa conta cun orzamento inicial de 10 millóns de euros que se repartirán en bonos desconto de 30 euros, dos que se poderán beneficiar máis de 330.000 clientes, movilizándose 55 millóns de euros en vendas.
O importe do bono irase reducindo, ata o seu esgotamento, en función do valor da compra nos comercios adheridos, sendo de 5 € en compras iguais ou superiores a 30 € e inferiores a 50 € e de 10 € en compras iguais ou superiores a 50 €.
Francisco Conde quixo destacar o compromiso da Xunta de Galicia co sector, como pilar fundamental da recuperación económica, xa que esta iniciativa é adicional ás medidas incluidas nos Orzamentos Xerais, e estará acompañada por dúas iniciativas máis: Renovación de electrodomésticos e o Bono orientado a instalacións eléctricas e climatización dos comercios.
No encontro, tamén, os responsables da plataforma dixital que sustenta programa, Eduardo Aldao, director de innovación de Abanca, entidade financieira colaboradora; e José Delgado e Ángel Fernández, técnicos encargados do desenvolvemento da aplicación, explicaron paso a paso e de forma práctica o rexistro dos comercios adheridos na web: www.bonosactivacomercio.gal como do uso da aplicación para comerciantes e usuarios.
Os comercios interesados poderán rexistrarse na web ata o 30 de abril e para a solicitude e obtención dos bonos, cada usuario deberá darse de alta na web www.bonosactivacomercio.gal e descargar e, nese momento, entenderase preconcedida a axuda cunha validez de 3 meses. O bono terá formato dixital a través dun código QR e estará dispoñible para a súa utilización na APP Wallet.