APE Galicia participou hoxe en Vigo na celebración do 140 aniversario da Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa, unha data moi especial para unha institución que leva máis dun século acompañando a evolución do tecido empresarial da nosa provincia.
A Asociación quixo estar presente e acompañar ao seu presidente, José García Costas, nun día especialmente emotivo para el, no que recibiu a Medalla de Oro da Orde da Cámara de Comercio de España, de mans do seu presidente, José Luis Bonet.
García Costas está vinculado á Cámara desde 1998, presídea desde 2001 e foi un dos grandes impulsores da integración, en 2016, das Cámaras de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía. Unha traxectoria longa, moi ligada ás empresas e ao desenvolvemento económico de Galicia.
A verdade é que celebrar 140 anos supón mirar atrás, pero tamén preguntarse que vén agora. E diso falouse durante a xornada: competitividade, intelixencia artificial, internacionalización, emprego e os novos desafíos que afrontan empresas, pemes e autónomos.
Para APE Galicia, estar hoxe alí significa tamén recoñecer ese camiño compartido. Porque detrás das institucións hai empresas, autónomos e persoas que cada mañá levantan a persiana, xeran emprego e manteñen viva a nosa economía.
Parabéns á Cámara polos seus 140 anos e, dun xeito moi especial, a Pepe García Costas por un recoñecemento tan merecido nun día para lembrar.