A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, acompañada da delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, presidiu este sábado 1 de xullo o Día galego do cooperativismo, onde destacou a contribución destas entidades ao desenvolvemento sostible da comunidade para construir “unha economía galega máis igualitaria e equitativa”.
Rivo destacou a contribución do cooperativismo ao fomento de valores como a solidariedade, a primacía dos beneficios sociais sobre a rendibilidade financeira e pola súa capacidade de fixar “poboación no rural” e reforzar o liderado femenino, xa que na comunidade galega case 29.000 mulleres forman parte destas entidades. “Todos estes valores son o selo de identidade da economía social, un modelo económico que en Galicia coñecemos ben e que representa máis do 7 % do noso PIB, o que se traduce nun impacto económico anual importante”, indicou.
A Xunta de Galicia destina este ano 42 millóns de euros para apoiar este modelo económico a través de programas que buscan reconverter, transformar e mellorar empresas de economía social; fomentar a incorporación de persoas desempregadas e ocupadas a cooperativas e sociedades laborais; promover o liderado feminino nestas actividades ou difundir os seus beneficios.
Durante o acto procedeuse a entrega dos premios Cooperación 2023 – Alén, Enraizado e Ferrolana de Profesores de Autoescuela – e os do certamen Cooperativismo no Ensino 2023 – alumnado do IES A Guía de Vigo e a sociedade cooperativa galega Mendiño.