O 2º programa de Mentoring da Fundación Ronsel, presentado onte pola conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, acompañada do director da Fundación Ronsel, Luís García Deber; estará orientado este ano de xeito especial a reducir o impacto negativo da COVID-19 nas empresas.
A iniciativa, que conta co apoios do Goberno galego por valor de 250.000 euros, ten como expectativa de chegar a 200 persoas traballadoras autónomas que queran consolidar os seus negocios: 70 na provincia da Coruña, 70 en Pontevedra, 30 en Lugo e 30 en Ourense.
O programa ten un triplo obxectivo: reducir os riscos das persoas autónomas na súa actividade profesional, acompañalas na consolidación dos seus negocios e contribuír, mediante melloras nas áreas de xestión, ao incremento dos seus contactos e actividade económica, tendo en conta o actual contexto de impacto negativo da pandemia no traballo autónomo.
A conselleira subliñou a importancia de complementar os plans de rescate da Xunta, con medidas que faciliten a autosuficiencia e solidez do proxecto empresarial e, segundo especificou durante a presentación “A ferramenta de mentoring permite adaptar as ensinanzas a cada realidade, nun proceso baseado na confianza mutua entre o mentor, e a persoa beneficiaria, onde a experiencia do primeiro pode chegar a ser un factor diferencial para maximizar o rendemento do servizo que ofrece á segunda”.
Nesta edición terán un acceso preferente ao programa as persoas traballadoras autónomas que teñan recibido algunha axuda dos devanditos Plans de Rescate da Xunta e, nun segundo grupo, as persoas beneficiarias de calquera outra axuda da Administración autonómica. Darase prioridade ademais a profesionais cunha antigüidade mínima de 42 meses de actividade profesional, que contan cunha base para aproveitar con maior éxito os coñecementos que lle poidan aportar os mentores.
O prazo para a solicitude permanecerá aberto ata o 30 de abril.