A Xunta vén de publicar no Diario Oficial de Galicia as bases reguladoras das axudas ao investimento para infraestruturas locais (programa Infraestruturas estratéxicas abertas), promovidas por grandes empresas galegas, e convocar as ditas axudas para o ano 2022 en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG408D).
O obxecto das axudas reguladas nestas bases é o de apoiar a posta en marcha de proxectos de infraestruturas locais de uso compartido que teñan como finalidade o desenvolvemento da contorna das empresas e dos consumidores, e a modernización e desenvolvemento da base industrial, co fin de mellorar a súa competitividade. Tras da publicación dunha consulta ao mercado, recadando manifestacións de interese do tecido industrial, obsérvase que hai demanda e disposición desde empresas tractoras galegas cara á creación desta tipoloxía de infraestruturas xerando interesantes posibilidades, facilitando a capacidade financeira do promotor e, por conseguinte, a de xestión solvente das infraestruturas que se van crear, así como apoiarse na capacidade tractora destas grandes empresas para a utilización de infraestruturas estratéxicas polo tecido empresarial e emprendedor de Galicia.
A quen vai dirixido?
Poderán ser beneficiarias destas axudas as sociedades mercantís con domicilio social ou centro de actividade en Galicia, coa forma xurídica de sociedade limitada ou sociedade anónima que exceden a definición de peme.
Conceptos subvencionables
Serán subvencionables os proxectos da creación de infraestruturas en Galicia que contribúan a nivel local a mellorar a contorna das empresas e dos consumidores e a modernizar e desenvolver a base industrial, e que cumpran os seguintes requisitos:
· Estarán á disposición dos usuarios interesados dunha forma aberta, transparente e non discriminatoria. O prezo que se cobrará polo uso ou venda das infraestruturas será o prezo de mercado.
· Deberán permitir a utilización por parte dos seus destinatarios mediante unha estrutura de servizos tarificables en función do uso ou do consumo que se realice.
· A concesión ou outro tipo de atribución a terceiros para explotar as infraestruturas realizarase sobre unha base aberta, transparente e non discriminatoria.
· Deberán prestar servizos que non estean dispoñibles localmente no momento da solicitude, ou servizos cuxa oferta local non se axuste ás necesidades das empresas.
Non serán subvencionables os proxectos de desenvolvemento de infraestruturas de investigación, de agrupacións empresariais innovadoras, sistemas urbanos de calefacción e refrixeración enerxeticamente eficientes, infraestruturas de enerxía, reciclaxe e reutilización de residuos, infraestruturas de banda ancha, cultura e conservación do patrimonio, infraestruturas deportivas e recreativas multifuncionais, aeroportos e portos.
O investimento global para a creación da infraestrutura deberá ser inferior a 20.000.000 de €.
Solicitude e prazo
As solicitudes ao programa presentaranse a través da sede electrónica da Xunta (https://sede.xunta.gal) e o prazo de presentación será de dous meses contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.