A Xunta vén de publicar no Diario Oficial de Galicia as bases reguladoras para a concesión de subvencións a entidades de iniciativa social para a promoción de actuacións de servizos sociais comunitarios e inclusión social para os anos 2022 e 2023, financiadas parcialmente con fondos REACT-UE como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19, no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e procede á súa convocatoria (código de procedemento BS631A).
Trátase de actuacións que se leven a cabo a través da atención ás persoas nos centros de inclusión e emerxencia social e a través do desenvolvemento dos programas e/ou servizos na área de actuación dos servizos sociais comunitarios, de inclusión e, especificamente, da inclusión social e laboral da poboación inmigrante.
Ás subvencións obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de sete millóns cento noventa mil euros (7.190.000,00 €), distribuído en dúas anualidades.
3.595.000 para o ano 2022 e 3.595.000 para o ano 2023.
A quen vai dirixido?
Poderán ser beneficiarias destas axudas as entidades de iniciativa social que:
- Estean inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais
- Carezan de ánimo de lucro
- Teñan o seu domicilio social en Galicia ou delegación na Comunidade Autónoma
Dentro dos límites da lexislación autónomica, tamén poderán ser beneficiarias destas subvencións as agrupacións de organizacións sen personalidade xurídica, sempre que poidan levar a cabo os proxectos, as actividades ou os comportamentos ou se encontren na situación que motiva a concesión da subvención.
Actuacións subvencionables
Serán subvencionables dous tipos de servizos e prestacións:
· Funcionamento de centros de inclusión e emerxencia social
· Actuacións singularizadas que constitúan a totalidade ou parte dun programa de carácter innovador e/ou complementario dos servizos sociais comunitarios básicos ou prestacións vinculadas ao desenvolvemento de determinados servizos sociais de inclusión de atención integrada
Gastos subvencionables
Consideraranse como gastos subvencionables das actuacións singularizadas os seguintes.
Gastos subvencionables para o funcionamento de centros de inclusión e emerxencia social e realización de actuacións singularizadas:
- Gastos directos: terán esta consideración os que a continuación se relacionan, sempre que estean directamente relacionados coa actuación subvencionada e que, polo tanto, se refiran inequivocamente a ela:
o Gastos de persoal propio da entidade: serán subvencionables as retribucións totais correspondentes á execución do programa, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social e a parte proporcional da paga extraordinaria que lle corresponda.
o Gastos de persoas traballadoras por conta propia para a realización de actividades subvencionadas.
o Axudas de custo e gastos de viaxe, que se rexerán na súa contía pola normativa establecida nos convenios colectivos aplicables.
o Gastos por seguros de accidentes do alumnado e participantes que cubran os riscos derivados da actividade subvencionada.
o Bolsas por asistencia a accións formativas.
o Axudas por desprazamento para participantes en accións de formación teórica adaptada dirixida á adquisición do permiso de condución tipo B ou C.
- Gastos de carácter indirecto: terán a dita consideración os que a continuación se relacionan, sempre que non se correspondan en exclusiva á actuación subvencionada por ter carácter estrutural, pero resulten necesarios para a súa realización:
o Gastos de persoal.
o Gastos en material funxible.
o Gastos de alugamento e mantemento das instalacións, que comprenden os gastos de luz, auga, calefacción, teléfono, limpeza e seguridade.
O período de referencia para a imputación dos gastos relativos a todas as axudas reguladas na presente orde será do 1 de xullo de 2022 ao 30 de abril de 2023.
Solicitude e prazo
As solicitudes ao programa presentaranse a través da sede electrónica da Xunta (https://sede.xunta.gal) e o prazo de presentación será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.