O director do Igape, Fernando Guldrís, xunto co director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, acompañados polo presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, destacaron a aposta do comercio galego por reforzar a súa competitividade no actual contexto económico, sinalando que a Xunta impulsa con máis de 9 millóns de euros a dixitalización de máis de 1.300 autónomos e pequenas e medianas empresas do sector.
Programas impulsados pola Administración galega como os cheques e as axudas á dixitalización Industria 4.0 ou o Galicia Exporta Dixital, ademais do programa para impulsar a modernización e a innovación no sector comercial galego, mobilizan preto de 13,4 millóns de euros.
Sengundo asegurou o director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, desde o inicio da pandemia, a Xunta traballou man a man co sector, dando respostas a curto, co Plan de reactivación económica, como a medio e longo prazo, impulsando a adaptación do sector ao novo contexto económico, onde se enmarca a aposta pola dixitalización, que permite complementar a venda física e en liña e optimizar a xestión dos negocios.
En concreto, a través dos cheques de dixitalización reciben apoio 759 comerciantes, con axudas por 2,9 millóns de euros que permitirán mobilizar 3,6 millóns de euros. Sobre os datos globais da liña de apoios dos cheques de dixitalización, activada en xuño pola Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, Guldrís sinalou que permitirá que 2393 pemes de todos os sectores impulsen procesos de dixitalización que lles faciliten reforzar a súa actividade, achegando axudas por 9,3 millóns de euros que promoverán investimentos por valor de 11,7 millóns de euros
Destes preto de 2.400 beneficiarios, a maioría son persoas autónomas e micropemes. No caso dos autónomos, son 1090 os que recibirán máis de 3,5 millóns de euros en axudas. Cunha cifra de beneficiarios similar -1077- séguenlles as micropemes, con achegas por valor de máis de 4,7 millóns de euros. Ademais, 102 asociacións empresariais percibirán medio millóns de euros en apoios; mentres que son 82 as cooperativas beneficiarias dunha achega global de medio millón de euros.
Despois do comercio como primeira actividade en número de beneficiarios e total de axudas concedidas, destaca a hostalería, na que 620 establecementos recibirán apoios que superan os 2,6 millóns de euros no seu conxunto. Séguenlle o sector da educación, con 291 empresas e entidades beneficiaras de axudas por valor de case 1,2 millóns de euros. A continuación, sitúanse as actividades doutros servizos, con 254 beneficiarios que recibirán apoios por máis de 900.000 euros, e o sector do transporte e almacenamento, con axudas por valor de 385.000 euros a 154 empresas.
Cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, os cheques de dixitalización achegan axudas do 80% dos investimentos realizados por proxectos que teñan como obxecto a implementación de tecnoloxías dixitais para a adaptación á situación provocada pola covid-19, como o teletraballo, as solucións de conectividade no eido rural, ou sistemas de notificación e de control sanitario e aforo, entre outros. Os gastos realizados deberán ser dun mínimo de 1500 euros e un máximo de 12.000 euros.