A Xunta de Galicia publicou no Diario Oficial de Galicia as bases reguladoras das axudas e subvencións que, baixo a rúbrica xeral de programas de cooperación institucionais, están destinadas ao financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración coas entidades sen ánimo de lucro, a través da contratación de persoas traballadoras desempregadas e mulleres vítimas de violencia de xénero desempregadas para a realización de servizos de interese xeral e social, co obxecto de proporcionarlles a experiencia e a práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral.

O obxectivo fundamental destas axudas é facilitar a mellora da empregabilidade das persoas traballadoras desempregadas a través da adquisición de experiencia profesional nun sector potencialmente xerador de emprego como é o dos servizos sociais, cada vez máis demandados pola sociedade e que precisan de profesionais con experiencia para cubrir as necesidades cada vez maiores neste ámbito.

É preciso deseñar e aplicar políticas activas orientadas á atención de colectivos específicos con especiais dificultades de inserción. Para iso resulta necesario contar coa colaboración das entidades sen ánimo de lucro para posibilitar e contribuír ao desenvolvemento, aproveitamento e dinamización do potencial económico, social e cultural da nosa Comunidade Autónoma, á vez que favorecer a creación de emprego, mediante a prestación gratuíta de servizos de interese xeral e social.

A QUEN VAI DIRIXIDO?

Poderán ser beneficiarias as entidades sen ánimo de lucro que estean inscritas na categoría de iniciativa social do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS), cuxa actividade principal estea dirixida a desenvolver ou fomentar accións específicas para a inserción das persoas con discapacidade, en risco de exclusión social, servizos comunitarios, igualdade, maiores, familia, infancia, menores ou mulleres.

REQUISITOS DOS SERVIZOS QUE SE VAIAN PRESTAR            

Os servizos que se desenvolvan mediante a actividade das persoas traballadoras desempregadas deberán ser de interese xeral e social. Ademais, terán que ser prestados polas entidades beneficiarias en réxime de administración directa, deberán favorecer a formación e a práctica profesional das persoas contratadas, e terán que ser prestados ou executados na Comunidade Autónoma.

Pola súa banda, a duración dos contratos das persoas desempregadas non superará os nove meses desde a súa data de inicio, cando a xornada sexa a tempo completo. En caso de contratacións a tempo parcial, do 50 % ou do 75 %, esta duración máxima poderá estenderse ata os doce meses. No caso da contratación de mulleres vítimas de violencia de xénero terán sempre unha duración de doce meses, que deberá iniciarse dentro do exercicio 2022.

Doutra banda, as entidades beneficiarias deberán acreditar que as persoas contratadas no marco deste réxime de axudas non están afectas ao desenvolvemento dunha actividade económica e os contratos subvencionados por esta orde serán incompatibles co exercicio de funcións directivas na entidade beneficiaria.

CONTÍA DAS AXUDAS

A contía da subvención que percibirán as entidades beneficiarias será igual ao resultado de multiplicar o número de persoas contratadas polo número de meses de duración do contrato e polo importe do módulo que corresponda en función do grupo de cotización á Seguridade Social, conforme a seguinte escala en que se conteñen os importes máximos subvencionables ao abeiro desta convocatoria:

–          Para o grupo de cotización 1: 2.710,00 €.

–          Para o grupo de cotización 2: 2.059,00 €.

–          Para o grupo de cotización 3: 1.935,00 €.

–          Para o grupo de cotización 4: 1.897,00 €.

–          Para o grupo de cotización 5: 1.756,00 €.

–          Para o grupo de cotización 6: 1.732,00 €.

–          Para o grupo de cotización 7: 1.637,00 €.

–          Para o grupo de cotización 8: 1.600,00 €.

–          Para o grupo de cotización 9: 1.575,00 €.

–          Para o grupo de cotización 10: 1.550,00 €.

Establécese un límite máximo da contía da subvención por entidade de 210.000,00 €.

LÍMITES DE CONTRATACIÓN

Establécense como límites á contratación de persoas traballadoras, en función do ámbito territorial de actuación recollido no RUEPSS, agás no caso de entidades con proxectos singulares, os seguintes:

·         Entidades con proxectos singulares: máximo 9

·         Entidades de ámbito autonómico con 3 ou máis centros de traballo localizados en 2 ou más provincias da Comunidade Autónoma de Galicia: máximo 6

·         Entidades de ámbito autonómico que non cumpran os criterios da liña anterior: máximo 4.

·         Entidades de ámbito provincial con 3 ou máis centros de traballo: máximo 4.

·         Entidades de ámbito provincial que non cumpran os criterios da liña anterior: máximo 3.

·         Entidades de ámbito comarcal ou municipal: máximo 2.

SOLICITUDE E PRAZO

As solicitudes ao programa presentaranse a través da sede electrónica da Xunta (https://sede.xunta.gal) e o prazo de presentación será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

Abrir chat
Hola
¿En qué podemos ayudarte?