A Xunta vén de publicar no Diario Oficial de Galicia as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a mellora da capacidade de innovación das empresas en Galicia, a través do financiamento de bonos de innovación para pequenas e medianas empresas cuxa actividade se enmarca nas prioridades estratéxicas da RIS3, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento IN848F).
En concreto, a estratexia da RIS3 é a estratexia integral para artellar todas as actuacións da I+D+i en Galicia, integra os grandes obxectivos da política económica e industrial da Unión Europea, construída arredor da sustentabilidade, o Pacto verde europeo, a transformación dixital e a responsabilidade social.
A finalidade destas subvencións é axudar ás microempresas e pemes a que realicen actividades de innovación que poidan levarse a cabo de maneira inmediata a través da contratación de servizos profesionais externos aos axentes de innovación para acadar un salto cualitativo e cuantitativo na súa actividade de I+D+i a curto prazo e repercutan directamente na capacidade para dar resposta aos retos actuais das empresas a través da innovación.
Máis polo miúdo, o programa conta con dúas liñas de actuación subvencionables. Por unha banda, a liña 1, cun crédito total de 700.000 euros, consiste en bonos para servizos de apoio á innovación, para o financiamento das actividades destinadas á protección da innovación e o coñecemento, transferencia tecnolóxica, comercialización e que permitan o desenvolvemento de novos produtos e servizos ou mellora da competitividade empresarial.
E, doutra banda, a liña 2, con bonos para xestión do financiamento da innovación, para a subvención dos custos de actividades de xestión, contratadas cos axentes da innovación, encamiñadas á tramitación de incentivos e beneficios fiscais para a I+D+i (Tipo A e cun crédito total de 150.000 euros) ou á solicitude de financiamento a proxectos ou actuacións de I+D+i en convocatorias de axudas estatais, europeas ou internacionais (Tipo B e cun crédito total de 150.000 euros).
En concreto, a liña 1 está dirixida a microempresas e pequenas empresas e a liña 2 está enfocada a microempresas, pequenas e medianas empresas. Cabe destacar que todas elas deberán ter domicilio social ou un centro de traballo en Galicia. As solicitudes ao programa presentaranse a través da sede electrónica da Xunta (https://sede.xunta.gal) e o prazo de presentación será dun mes a contar dende o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.