A intención da Xunta de Galicia é a de activar neste mes de febreiro a segunda convocatoria do Plan de Rescate dirixido a autónomos, microempresas e establecementos hostaleiros afectados polas restricións sanitarias como consecuencia da pandemia para cumprir así o compromiso adquirido cos interlocutores sociais e colectivos máis afectados de activar estas axudas o antes posible, dado o carácter urxente das mesmas.
Tal e como anunciaron o vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, e a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, no encontro en Santiago de Compostela co presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, e con representantes das deputacións provinciais, o Goberno galego comezará a tramitar estas axudas para que poidan solicitarse o antes posible.
Os representantes da Xunta de Galicia lamentaron esta nova oportunidade perdida das deputacións e concellos para adherirse ao Plan para poder chegar ao maior número de persoas destes sectores que peor o están pasando polas medidas restritivas e lembraron que patronal, sindicatos, autónomos e representantes doutros sectores afectados, así como unha boa parte dos concellos galegos, pediron que sexa a Xunta a que xestione as axudas, xa que a avala a eficacia demostrada co primeiro Plan co que se demostrou a dilixencia nos pagos.
A Administración Autonómica ten por obxectivo axudar canto e que chegue os apoios ao maior número de persoas afectadas polo que vén de elevar de 50 a 75 millóns o orzamento inicial previsto para este segundo Plan de Rescate e o que se plantexa é que as catro deputacións aporten 5 millóns de euros, pero ata o momento non se chegou a un acordo
Ademáis, a súa intención é a de axilizar a tramitación e solicitude das mesmas, con menos requisitos, máis rápidas, acumulables e complementarias coas recibidas no primeiro Plan de Rescate e co resto dos apoios anti-covid do Goberno galego.
Os 75 millóns de euros sumaranse aos 86,2 millóns destinados pola Xunta á primeira convocatoria, co que serán en total máis de 160 millóns de euros que o Goberno destinará en 90 días a compensar o sacrificio dos negocios afectados polas últimas restricións aprobadas para preservar a saúde da cidadanía.
Entre as novidades deste segundo Plan con respecto ao primeiro son que o importe das contías será maior en función das porcentaxes de perda acreditadas polos solicitantes e os autónomos non terán que acreditar ter recibido a prestación por cese de actividade. Tampouco se lles esixirá ás microempresas ter activo ou ter pasado por un ERTE para optar aos cartos.
As liñas destinadas a autónomos e microempresas, así como unha específica aos establecementos hostaleiros pechados polas medidas sanitarias, serán compatibles entre si, e os perceptores de axudas do primeiro Plan de rescate poderán volver solicitalas e, de cumprir os requisitos, recibilas.
A Xunta estenderá estas axudas aos establecementos pechados como consecuencia das últimas restricións, pero tamén aos que soamente puideron servir comidas e bebidas en terrazas, para levar, ou a domicilio nas últimas semanas.