A Xunta vén de publicar no Diario Oficial de Galicia as bases reguladoras das subvencións destinadas ao fomento da contratación por parte de entidades sen ánimo de lucro de mulleres que sofren violencia de xénero, financiadas con fondos REACT-UE no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020 como parte da resposta da UE á pandemia da COVID-19, e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento SI461B).
A situación xerada pola crise sanitaria derivada da COVID-19 aumentou a situación de especial vulnerabilidade para as mulleres vítimas de violencia de xénero, o estado de perigo que viven agravouse, o illamento social e a falta de redes de apoio familiares ou sociais dificulta máis as súas posibilidades de acceder a servizos e recursos de apoio, emerxendo situacións de absoluta desprotección.
Considerando que a independencia económica é clave para garantir que as mulleres en situación de violencia de xénero consigan maior estabilidade persoal, social e laboral, a presente resolución supón un paso máis na mellora da súa inserción laboral, articulando axudas económicas ás entidades sen ánimo de lucro para fomentar a contratación de mulleres que sofren violencia de xénero e que non poden acadar un posto de traballo no mercado laboral ordinario. Por medio desta convocatoria as entidades terán a posibilidade de obter axudas para a contratación por conta allea de mulleres que sofren violencia de xénero.
Neste eido, o obxectivo destas subvencións é contribuír a que as mulleres acaden unha maior autonomía a través da promoción da súa independencia económica e do seu empoderamento, e reforzando, ao mesmo tempo, as posibilidades dunha posterior inserción laboral estable, co obxectivo fundamental de lograr a súa plena integración na vida económica e social.
A quen van dirixidas?
Poderán ser entidades beneficiarias da subvención prevista nesta resolución as entidades e cooperativas sen ánimo de lucro.
Doutra banda, as persoas destinatarias finais das axudas serán as mulleres vítimas de violencia de xénero, incluídas as mulleres que padeceron violencia vicaria, e as mulleres vítimas de trata con fins de explotación sexual, inscritas como demandantes de emprego ou como mellora de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia.
Contía das axudas
A contía da subvención que se concederá ás entidades sen ánimo de lucro beneficiarias será, por cada muller contratada a tempo completo, a resultante de aplicar o método de custos simplificados que consiste nun baremo estándar de custo unitario segundo o grupo de cotización en que se atopen as traballadoras en cuestión. Este baremo representa o custo salarial total obxecto de subvención, calculado como un múltiplo do IPREM máis a cotización empresarial á Seguridade Social.
O importe da subvención por cada contratación reducirase proporcionalmente en función da xornada realizada, cando os contratos se concerten a tempo parcial.
Ademais, o número máximo de contratacións que se vai subvencionar por cada entidade solicitante establécese en 2 contratacións.
Requisitos da contratación
- Que sexan executadas polas entidades beneficiarias en réxime de administración directa.
- Que a duración dos contratos sexa, como mínimo, de 4 meses.
- Que a contratación sexa para xornada de traballo a tempo completo ou a tempo parcial non inferior ao 50 %.
- Que a entidade beneficiaria dispoña de asignación orzamentaria suficiente para facerse cargo dos gastos non subvencionables ao abeiro desta resolución, se for o caso.
-
Que, na súa execución ou prestación, se favoreza a formación e a práctica profesional das mulleres contratadas.
- Que, a súa execución ou prestación, se realice nun centro de traballo situado na Comunidade Autónoma de Galicia.
- Con independencia da duración do contrato, de ser o caso, do contrato para a substitución da traballadora que causase baixa, o período subvencionable non poderá exceder de doce meses nin poderá prolongarse máis alá do 30 de setembro de 2023.
As solicitudes ao programa presentaranse a través da sede electrónica da Xunta (https://sede.xunta.gal) e o prazo de presentación será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.