A Xunta vén de publicar no Diario Oficial de Galicia as bases reguladoras do programa Es-Transforma en cooperativas ou sociedades laborais dos negocios sen remuda xeracional, de todo tipo de sociedades e das persoas traballadoras autónomas, que xa estivesen a exercer unha actividade económica, e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2022 (código de procedemento TR802R).

As empresas de economía social e, singularmente, as cooperativas e sociedades laborais teñen demostrado a súa capacidade de resistencia ás crises, de creación de emprego estable e de calidade, de vinculación co territorio e de mellora do benestar social, polo que resulta procedente activar suficientemente as súas potencialidades de emprendemento e autoemprego.

Estas axudas están destinadas a poñer remedio a unha grave perturbación na economía galega provocada pola COVID-19 en termos de emprego e de actividade económica e a facilitar o desenvolvemento desta actividade económica mediante fórmulas de economía social. Neste eido, estas subvencións facilitarán a liquidez necesaria para realizar investimentos, asesoramentos, servizos especializados enfocados á profesionalización e desenvolvemento estratéxico da nova entidade, e gastos correntes no inicio da súa actividade.

En concreto, estas subvencións están dirixidas a sociedades laborais ou cooperativas que xurdan dalgún dos procesos seguintes:

  • Constitución por ausencia de remuda xeracional: Constitución dunha sociedade laboral ou dunha cooperativa, debidamente inscritas no rexistro correspondente na data da solicitude, integradas total ou parcialmente polas persoas traballadoras cuxos contratos resultasen extinguidos por causa de crise ou xubilación da súa persoa empregadora.
  • Constitución por persoas autónomas: Constitución dunha sociedade laboral ou dunha cooperativa, debidamente inscritas no rexistro correspondente na data da solicitude, que estean integradas por persoas traballadoras autónomas que xa estivesen a realizar unha actividade laboral e, polo tanto, estean en situación de alta no correspondente réxime de persoas traballadoras autónomas da Seguridade Social ou na mutualidade do colexio profesional.
  • Constitución por transformación: Transformación de todo tipo de sociedades en cooperativas ou sociedades laborais debidamente inscritas no rexistro correspondente na data da solicitude.

Máis polo miúdo, os conceptos subvencionables son o asesoramento legal para a constitución da cooperativa ou da sociedade laboral, así como para a transformación nunha destas entidades de economía social (os gastos de rexistro, notaría e os informes legalmente preceptivos para o proceso de transformación); a creación e desenvolvemento da imaxe corporativa da entidade; a obtención de certificacións de calidade; marketing, comunicación ou relanzamento comercial; plan de protección de datos; equipamento informático; adquisición e desenvolvemento de software e páxinas web; mellora na eficiencia enerxética; adquisición de equipamento; reforma do local de negocio; e mobiliario.

En canto á contía das axudas, será equivalente ao 80% do custo tota dos gastos subvencionables cos seguintes límites:

  • 6.000 euros para os gastos incluídos no asesoramento legal para a constitución da cooperativa ou da sociedade laboral, así como para a transformación nunha destas entidades de economía social.
  • 3.000 euros para cada un dos gastos incluídos na creación e desenvolvemento da imaxe corporativa da entidade; obtención de certificacións de calidade; márketing, comunicación ou relanzamento comercial; e plan de protección de datos.

O límite máximo das axudas para os gastos subvencionables especificados establécese en 50.000 euros por entidade beneficiaria.

Porén, a contía da axuda poderá incrementarse en 3.000 euros por cada unha das seguintes condicións que se cumpran, cun máximo de 24.000 euros por entidade beneficiaria:

  • No caso de que a sede social da entidade beneficiaria estea situada nun concello rural.
  • Se as entidades beneficiarias están formadas maioritariamente por mulleres.
  • No caso de que na actividade económica da nova entidade beneficiaria as mulleres contratadas nos grupos ocupacionais se atopen subrepresentadas.
  • No caso de que as entidades estean formadas maioritariamente por persoas menores de 30 anos na data de solicitude da axuda.
  • Cando as entidades beneficiarias estean formadas maioritariamente por persoas emigrantes retornadas.
  • Se as entidades beneficiarias están formadas maioritariamente por persoas maiores de 45 anos.
  • No caso de que as entidades beneficiarias estean formadas maioritariamente por persoas con discapacidade.
  • No caso de que as entidades beneficiarias estean formadas maioritariamente por persoas trans.

No que respecta ás solicitudes ao programa, presentaranse a través da sede electrónica da Xunta (https://sede.xunta.gal) e o prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 30 de setembro de 2022, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.