A Xunta vén de publicar no Diario Oficial de Galicia as bases reguladoras dos obradoiros e das axudas á dixitalización Industria 4.0 do Igape para o ano 2022, cofinanciadas no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e procedeu á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG300C).

Coas axudas á dixitalización preténdese apoiar a posta en marcha de sistemas cuxa finalidade sexa o soporte de procesos sectoriais multiempresa, como poden ser ordes de fabricación distribuída, sistemas de facturación, procesos entre un líder industrial cara ás empresas que conforman a súa cadea de valor, Business Process Management en xeral, etc. ou proxectos individuais cara á dixitalización ou conectividade da peme.

A quen vai dirixido?

Obradoiros:

Os obradoiros concíbense como espazos de encontro entre empresas para explorar solucións tecnolóxicas e vías de colaboración que dean lugar a proxectos de implementación de ferramentas dixitais colaborativas sectoriais susceptibles de optar ás axudas establecidas nestas bases ou noutras convocatorias, ou ben oportunidades de hibridación intersectorial.

Estes espazos de encontro terán necesariamente carácter presencial, aínda que poderá continuarse o contacto entre os membros do grupo e poderán organizarse outros eventos en contornos virtuais.

Tendo en conta a actual situación, aclárase que se considerará que un espazo de encontro ten «carácter presencial» cando as persoas participantes estean simultaneamente no mesmo lugar, ou ben cando empreguen unha ferramenta de presenza virtual que asegure a súa interacción simultánea desde distintos lugares, como pode ser unha videoconferencia grupal.

Cada espazo de encontro poderá estar articulado a través dunha ou de varias reunións, ademais doutras actuacións de contacto entre os membros do grupo que poidan ser necesarias. Estas reunións terán que documentarse en vídeo ou por escrito acompañadas de fotografías.

En cada espazo de encontro deberán participar persoas dun mínimo de 6 empresas distintas. Considerarase que cada reunión está validamente constituída para os efectos destas axudas se asisten persoas de dous terzos das empresas participantes no correspondente espazo de encontro. A cada reunión poderán asistir diferentes persoas por cada empresa.

Poderán ser beneficiarios os organismos intermedios de carácter empresarial de Galicia. Entenderanse como tal para os efectos destas axudas:

a) Entidades con personalidade xurídica propia, sen ánimo de lucro, con domicilio social ou centro de traballo en Galicia, que pertenzan a unha das seguintes categorías: asociacións empresariais, fundacións empresariais ou universidade-empresa, clústeres empresariais ou hubs de innovación dixital ao abeiro da Estratexia galega de HID.

b) Centros tecnolóxicos e centros de apoio á innovación tecnolóxica domiciliados en Galicia e que estean inscritos no rexistro establecido para o efecto polo Ministerio de Ciencia e Innovación (Real decreto 2093/2008, do 19 de decembro, polo que se regulan os centros tecnolóxicos e os centros de apoio á innovación tecnolóxica de ámbito estatal e se crea o rexistro de tales centros (BOE nº 20, do 23 de xaneiro de 2009).

PEMES:

Estas axudas van destinadas á posta en marcha de proxectos de dixitalización cuxa finalidade sexa a implantación de solucións para o soporte dixital de procesos dunha empresa ou para proxectos de interconexión dixital de procesos entre unha empresa galega e outras empresas, ou entre dúas ou máis empresas galegas, como poden ser ordes de fabricación distribuída, sistemas de facturación, procesos entre un líder industrial cara ás pemes que conforman a súa cadea de valor.

Os proxectos poderán ser de dúas modalidades:

a) Proxectos colectivos, en que un grupo de empresas (opcionalmente coordinadas por un organismo intermedio colaborador) aborda unha das seguintes tipoloxías de proxecto:

1º. Propoñen utilizar e implantar un determinado sistema nas súas interaccións dixitais.

2º. Propoñen a implantación dun sistema de dixitalización, dalgún proceso ou de xestión integral, especificamente deseñado ou desenvolvido para o seu ámbito de actividade.

b) Proxectos individuais en que unha peme aborda unha das seguintes tipoloxías de proxecto:

1º. Desenvolvemento dunha interface dixital para as súas interaccións de negocio, ou adopción/implantación dunha solución de interacción xa existente cos seus clientes ou provedores.

2º. Sistemas de intelixencia artificial, aprendizaxe automática e toma de decisións autónomas, interconexión de elementos físicos e virtuais, tratamento de datos captados (intelixencia de negocio, big data e similares) e ciberseguridade.

3º. Implementación de sistemas encamiñados á dixitalización de procesos concretos ou de xestión integral (ERP, CRM e similares).

Ademais, os proxectos encadraranse en tres tipos distintos en función do importe total subvencionable:

• Tipo 1: proxectos cun importe subvencionable de menos de 50.000 €

• Tipo 2: proxectos cun importe subvencionable de entre 50.000 € e 120.000 €.

• Tipo 3: proxectos cun importe subvencionable de máis de 120.000 €.

Os proxectos da modalidade a) terán preferencia sobre os da modalidade b). O Igape poderá reclasificar os proxectos entre modalidades e tipos no caso de que a clasificación proposta pola empresa non sexa correcta.

 

Contía das axudas

Obradoiros:

A subvención será do 100 % dos gastos subvencionables, ata un máximo de 25.000 € por proxecto, e concédese ao abeiro do réxime de axudas de minimis establecido no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013).

Ademais do anterior, co obxectivo de fomentar a diversidade de obradoiros, establécese un límite máximo de subvención por entidade beneficiaria de 60.000 €. No caso de que se supere o dito importe, axustarase o importe de subvención no proxecto con menor precedencia.

PEMES:

1. A subvención será do 35 % dos investimentos materiais e inmateriais subvencionables para as pequenas empresas, e do 25 % para as medianas.

A subvención será do 50 % dos gastos de colaboracións externas subvencionables para ambas categorías de empresa, pequenas e medianas.

3. As axudas están cofinanciadas no marco do PO Feder Galicia 1420, que ten unha taxa de cofinanciamento Feder do 80 %, computándose como cofinanciamento nacional o investimento privado elixible dos beneficiarios polo 20 % restante.

 

Solicitude e prazo

As solicitudes ao programa presentaranse a través da sede electrónica da Xunta (https://sede.xunta.gal) e o prazo de presentación está aberto ata o 8 de setembro de 2022.

Abrir chat
Hola
¿En qué podemos ayudarte?