A Xunta vén de publicar no Diario Oficial de Galicia as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas á dotación de equipamentos e activos que fomenten a innovación e a competitividade da industria cultural e creativa galega ao abeiro do programa Hub da industria creativa galega, financiadas ao 100 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) dentro do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19, e procede á súa convocatoria para o ano 2022.
As axudas obxecto desta resolución financiaranse cun crédito total de 1.300.000 euros coa seguinte distribución: 650.000 euros para 2022 e 650.000 euros para 2023. Destacar que estas subvencións terán carácter plurianual e admitiranse aqueles gastos que fosen realizados e pagados entre o 1 de xaneiro de 2022 e o 31 de marzo de 2023. O período subvencionable, polo tanto, abrangue o período comprendido nestas datas.
A quen vai dirixido?
Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas físicas (autónomos) e as empresas privadas calquera que sexa a forma xurídica que adopten, con sucursal, ou oficina permanente, de polo menos un ano previo a esta convocatoria, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea. Estas entidades deberán desenvolver a súa actividade principal de xeito habitual en Galicia e nalgunha das epígrafes da Clasificación nacional de actividades económicas (CNAE 2009) que se mencionan a continuación:
· 1820: Reprodución de soportes gravados.
· 5811: Edición de libros.
· 5821: Edición de videoxogos.
· 5912: Actividades de posprodución cinematográfica, vídeo e programas TV.
· 5915: Actividades de produción cinematográfica, vídeo e programas TV.
· 5916: Actividades de producións de programas de televisión.
· 5917: Actividades de distribución cinematográfica e vídeo.
· 5918: Actividades de distribución de programas de televisión.
· 5920: Actividades de gravación de son e edición musical.
· 6020: Actividades de programación e emisión de televisión.
· 7420: Actividades de fotografía.
· 7739: Alugueiro doutra maquinaria, equipamentos e bens tanxibles.
· 9001: Artes escénicas.
· 9002: Actividades auxiliares ás artes escénicas.
· 9003: Creación artística e literaria.
Contía das axudas
Os proxectos obxecto da subvención poderán acadar unha intensidade e unha contía máxima de axuda por solicitude en función do custo total do proxecto, da forma que segue:
Os proxectos de investimento obxecto de subvención deberán ter importe total mínimo de 25.000 euros (sen IVE).
1. O importe máximo da axuda será de 100.000 euros, impostos recuperables excluídos.
2. A intensidade máxima da axuda que perciban as persoas beneficiarias é do 80 % do gasto subvencionable.
Solicitude e prazo
As solicitudes ao programa presentaranse a través da sede electrónica da Xunta (https://sede.xunta.gal) e o prazo de presentación será de dous meses contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.