A Xunta vén de publicar no Diario Oficial de Galicia as bases reguladoras para a concesión dos bonos dixitais para a conectividade de colectivos vulnerables e regular a inscrición das entidades colaboradoras que participarán na promoción da contratación e instalación das conexións de internet de, cando menos, 30 Mbps a través do Programa de emisión de bonos dixitais para colectivos vulnerables (Programa ÚNICO-Bono Social). (códigos de procedemento AP400A E AP400B)

O bono dixital contribuirá a financiar a contratación de novos servizos de conexión a banda larga ou o incremento da velocidade dos xa contratados desde unha localización fixa e irá destinado a persoas físicas de unidades familiares que fosen identificadas como vulnerables.

Deste xeito, O bono dixital permitiralle ao solicitante a contratación do servizo indicado, tendo dereito a unha minoración mensual de ata 20 euros na factura emitida pola entidade colaboradora elixida durante un período de ata 12 meses, chegando a acadar como máximo os 240 euros.

A quen vai dirixido o bono dixital?

Poderán ser beneficiarias do bono dixital as persoas que xa sexan beneficiarias das prestacións públicas da renda de inclusión social de Galicia (Risga) da Xunta de Galicia ou do ingreso mínimo vital (IMV) do Goberno de España.

Ademais, tamén poderá ser beneficiaria calquera outra persoa física maior de idade con ausencia ou déficit grave de recursos económicos ou que se atope en situación ou risco de exclusión social.

Solicitude e prazo do bono dixital

O prazo para presentar as solicitudes dos bonos dixitais comezará o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da relación de entidades colaboradoras adheridas e rematará o 16 de decembro de 2022. As persoas interesadas poderán presentar as solicitudes, preferiblemente por vía electrónica, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal)

 

Inscrición de entidades colaboradoras (Código de procedemento AP400B)

As entidades colaboradoras poderán ser empresas privadas con personalidade xurídica propia, validamente constituídas e empresarios individuais. En ambos casos deben ter a condición de operador debidamente habilitado, xeral de telecomunicacións, e ofertar servizos da internet na Comunidade Autónoma de Galicia coas características técnicas especificadas nas bases, acreditando os seguintes requisitos:

·         Ser operador de telecomunicacións e estar dado de alta no Rexistro de operadores da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC).

·         Ofrecer servizos de conexión á internet de banda larga de, cando menos, 30 Mbps ao público en xeral.

As entidades que queiran inscribirse como colaboradoras terán un prazo inicial de presentación de solicitudes dun mes natural a partir do seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da convocatoria. As solicitudes presentaranse a través da sede electrónica da Xunta (https://sede.xunta.gal).