A Xunta de Galicia abre mañá o prazo de solicitude para as catro liñas do programa Galicia Emprega, tras a publicación hoxe das convocatorias no Diario Oficial de Galicia (DOG). O obxectivo deste programa é favorecer a formación e a contratación de mulleres, parados de longa duración, novas, e persoas discapacitadas ou en risco de exclusión, e impulsar o traballo nos colectivos con máis dificultades para atopar un emprego.
O orzamento do programa Galicia Emprega é de 10,5 millóns de euros (un 12% máis que na convocatoria de 2019)
Inclúe catro liñas de axudas
Emprega Muller, Emprega Persoas con Discapacidade ou en Risco de Exclusión Social, Emprega Parados de Longa Duración e Emprega Mocidade. Impúlsase, deste xeito, a contratación dual en catro dos colectivos prioritarios da Xunta de Galicia á hora de acceder ao mercado laboral.
Por unha banda, apóiase cun bono formación aos traballadores e traballadoras para que poidan responder as necesidades formativas do tecido empresarial e, por outra, ofrécense incentivos á contratación ás empresas impulsando a contratación indefinida ou inicial cunha duración mínima de 12 meses a xornada completa.
Con respecto ao bono formación, nos catro programas incentívase con 2000 euros a cualificación dos traballadores que son contratados de maneira inicial por 12 meses para que reciban unha formación mínima de 50 horas. Se o contrato é indefinido, o bono increméntase ata os 4000 euros e a formación mínima terá que conseguir as 70 horas.
En canto aos incentivos á contratación, as contías varían segundo o programa e poden alcanzar os 16.000 euros. Ademais, aumentan nun 25%, segundo a liña, para aquelas empresas de máis de 50 traballadores e traballadoras pertencentes a sectores estratéxicos que teñan unha taxa de estabilidade nos seus cadros de persoal do 70%; no caso de que o centro de traballo estea situado nun concello rural; ou se as persoas incorporadas son mulleres; maiores de 45 anos; ou emigrantes retornados.
Achegamos documentos informativos das distintas liñas de axudas, podendo obter máis información sobre este procedemento na páxina web www.oficinadoautonomo.gal