A Xunta publicou no Diario Oficial de Galicia as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2022, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas á valorización e á segunda transformación das pequenas e medianas empresas da industria forestal galega e do contract (código de procedemento IN500B).
Con esta acción, dende a Axencia Galega da Industria Forestal, buscan revalorizar a competitividade e a innovación das empresas forestais con especial incidencia na segunda e seguintes fases de transformación.
A quen vai dirixido?
Poderán ser beneficiarias as pequenas e medianas empresas, incluídas as persoas autónomas, da industria forestal e do contract radicadas en Galicia que utilicen a madeira e os seus derivados, a resina, a cortiza ou outros produtos de orixe forestal, exceptuando os produtos alimentarios, como materia prima para a elaboración dos seus produtos.
Proxectos subvencionables
Serán subvencionables os proxectos de investimento realizados polas persoas beneficiarias nos seus procesos de produción vinculados á transformación da madeira e os seus derivados, resina, cortiza, así como doutros produtos de orixe forestal, exceptuando os alimentarios, e que teñan como obxectivo aumentar a súa produtividade ou a implantación de técnicas que permitan obter novos produtos ou produtos valorizados ou procesos que favorezan a minoración do impacto ambiental.
As empresas solicitantes poderán presentar como máximo un proxecto.
Investimentos subvencionables
- Compra de maquinaria nova vinculada aos procesos de transformación de produtos de orixe forestal non alimentarios, así como para os procesos de secado e doutros tratamentos e acabamentos da madeira.
- Obras e instalacións necesarias para a correcta instalación e funcionamento dos investimentos obxecto de subvención.
- Outros bens de equipamento novos que formen parte do activo da empresa e interveñan no proceso produtivo obxecto do proxecto.
- Implantación e certificación da cadea de custodia de produtos forestais, de normativas de calidade e de xestión ambiental, e implantación de plans de mellora da xestión empresarial.
- Servizos, bens, equipamentos, tecnoloxías e obras de acondicionamento necesarios para a obtención de certificados ou selos de calidade e ambientais, marcas de garantía rexistradas, marcas colectivas rexistradas ou implantación da marcación CE de produtos de orixe forestal e condicionados á súa obtención dentro do prazo de xustificación da axuda.
- Ensaios de caracterización de produto realizados conforme a normativa oficial por un laboratorio acreditado para a realización do ensaio.
Contía das axudas
Os investimentos subvencionaranse cunha axuda do 50 % dos gastos elixibles e a contía máxima por solicitante limitarase a 200.000 euros.
Solicitude e prazo
As solicitudes ao programa presentaranse a través da sede electrónica da Xunta (https://sede.xunta.gal) e o prazo de presentación será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.