A Xunta vén de publicar no Diario Oficial de Galicia as bases reguladoras das axudas á implantación da loxística avanzada e sustentable para o ano 2022, susceptibles de ser financiadas no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG300G).
Estas axudas van destinadas á posta en marcha de proxectos de loxística avanzada e sustentable cuxa finalidade sexa o desenvolvemento e implantación de solucións avanzadas para o transporte, almacenamento e posta á disposición de produtores e consumidores de materias primas, compoñentes, semielaborados e produtos finais, para acadar reducións de custos ou prazos de entrega, reducir o impacto ambiental ou mellorar a calidade da entrega e posta á disposición
A Axenda de Competitividade Galicia Industria 4.0 recolle un conxunto de plans de impulso á Industria 4.0 cun foco específico nos factores territoriais de competitividade, entre os que se atopa a loxística como un dos factores de maior influencia no desenvolvemento industrial. Os factores territoriais de competitividade conforman un foco específico porque normalmente dependen, máis que das capacidades internas das empresas, da situación e características intrínsecas do factor no territorio, considéranse factores territoriais de competitividade a normativa e regulación, o sistema formativo, as infraestruturas en xeral e as infraestruturas de telecomunicacións en particular, a enerxía e a loxística.
O caso da loxística é fundamental polo impacto que ten en todas as cadeas industriais, de xeito que, en resposta á demanda dos axentes económicos galegos, se decidiu a elaboración dunha estratexia específica para Galicia en que abordar as necesidades de cara á optimización do sistema loxístico galego.
A quen vai dirixido?
Poderán ser beneficiarias destas axudas as pequenas e medianas empresas (pemes).
Modalidades dos proxectos
Os proxectos poderán ser de dúas modalidades:
1. Proxectos colectivos de simbiose industrial en que un grupo de empresas (cun mínimo de dúas empresas independentes, opcionalmente coordinadas por un organismo intermedio colaborador) aborda unha das seguintes tipoloxías de proxecto:
· Propoñen utilizar e implantar un determinado sistema nas súas interaccións, tanto físicas como dixitais, para a mellora da función loxística do conxunto de empresas.
· Propoñen a implantación dun sistema de mellora da función loxística, parcial ou integral, de uso común, especificamente aplicable para o seu ámbito de actividade.
2. Proxectos individuais en que unha peme aborda a implantación dun sistema de mellora da súa función loxística, parcial ou integral.
Os proxectos propostos, en ambas modalidades deben encadrarse nun ou varios dos seguintes ámbitos de actuación:
Dixitalización e automatización, procesos a aplicacións, virtualización e analítica de datos.
Contía das axudas
O gasto subvencionable mínimo dos proxectos deberá ser de 12.000 €.
A axuda máxima será de 100.000 € en proxectos individuais e de 100.000 € multiplicado polo número de empresas participantes na agrupación, nos proxectos colectivos.
Solicitude e prazo
As solicitudes ao programa presentaranse a través da sede electrónica da Xunta (https://sede.xunta.gal) e o prazo de presentación o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 15 de setembro de 2022.