A Xunta de Galicia publicou no Diario Oficial de Galicia as bases reguladoras das axudas á implantación de solucións avanzadas para o desenvolvemento da economía circular para o ano 2022, cofinanciadas no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG300F).

Estas axudas van destinadas á posta en marcha de proxectos para o desenvolvemento da economía circular cuxa finalidade sexa o desenvolvemento e implantación de solucións avanzadas para a produción, transporte e distribución de materias primas, compoñentes, semielaborados e produtos finais, acadando reducións e aforros na utilización de recursos naturais, auga e enerxía e diminucións na xeración de refugallos, subprodutos ou desfeitos, coa tendencia de converter os refugallos en recursos de uso en outros procesos produtivos.

Modalidades dos proxectos

Os proxectos poderán ser de dúas modalidades:

a) Proxectos colectivos de simbiose industrial en que un grupo de empresas (cun mínimo de dúas empresas independentes, opcionalmente coordinadas por un organismo intermedio colaborador) aborda un proxecto de economía circular para mellorar o uso dos recursos e reducir os impactos ambientais de maneira conxunta. A simbiose industrial facilita o intercambio de enerxía, materiais, auga e subprodutos para pechar os ciclos de materiais e enerxía, maximizar o uso de residuos e minimizar o uso de materia prima.

b) Proxectos individuais en que unha peme aborda a implantación dun sistema de economía circular, parcial ou integral, especificamente deseñado ou desenvolvido para o seu ámbito de actividade.

Os proxectos propostos, tanto na modalidade a) como na b), deben dirixirse a un ou varios dos seguintes obxectivos:

1) Redución do consumo de recursos no proceso produtivo.

2) Reducir a xeración de residuos no proceso produtivo, a perigosidade dos mesmos e/ou facilitar a súa reutilización, valorización e/ou reciclaxe.

3) Análise do ciclo de vida do produto.

4) Identificación e implementación de novas oportunidades de negocio que persigan a reutilización e reparación dos productos.

5) Servitización: redución do consumo de recursos co cambio de enfoque a prestación de servizos.

6) Reacondicionamento, remanufactura e reparación avanzada.

7) Creación de cadeas de valor máis curtas.

Contía das axudas

O gasto subvencionable mínimo dos proxectos deberá ser de 12.000 €. O importe máximo de subvención será de 200.000 € para proxectos colectivos e de 75.000 € para proxectos individuais.

Período de execución das accións

O prazo de execución dos proxectos de solucións avanzadas para o desenvolvemento da economía circular non poderá superar o 30 de xuño de 2023. Os beneficiarios das axudas deberán presentar a solicitude de cobramento como máis tarde o 15 de novembro de 2022 para os proxectos cuxo prazo máximo de execución sexa o 15 de novembro de 2022 ou anterior, e como máis tarde o 30 de xuño de 2023 no resto dos proxectos. Os gastos realizados entre o 16 de novembro de 2022 e o 31 de decembro de 2022 poderán ser imputados ao 2023.

Solicitude e prazo

As solicitudes ao programa presentaranse a través da sede electrónica da Xunta (https://sede.xunta.gal) e o prazo de presentación está aberto ata o 8 de setembro de 2022.

Abrir chat
Hola
¿En qué podemos ayudarte?