A Xunta vén de publicar no Diario Oficial de Galicia as bases reguladoras do programa Nova oportunidade das persoas traballadoras autónomas, cofinanciado polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento TR790A).
O programa Nova oportunidade lévase a cabo apoiando as persoas traballadoras autónomas que cumpran os seguintes requisitos:
As que cesaron nunha actividade como persoa traballadora autónoma e estean inscritas como demandantes de emprego previamente á nova alta como persoa traballadora autónoma e as que queren cambiar de sector actividade e están de alta como persoas traballadoras autónomas pero queren volver emprender noutro sector.
En concreto, o Bono alta nova oportunidade ten unha dotación orzamentaria de 4.200.000 euros e o Bono formación e/ou mentoring ten unha dotación de 767.160 euros. Se o orzamento asignado non fose suficiente para pagar todas as axudas solicitadas, aplicarase como criterio de prioridade a data de presentación.
A quen vai dirixido?
Poderán ser beneficiarias destas axudas tanto as persoas autónomas que queren volver a emprender de novo como as persoas autónomas que queren cambiar de sector de actividade.
1. Persoas autónomas ou que teñan sido autónomas con anterioridade, e que queren volver emprenderà Serán beneficiarias das axudas as persoas que se dean de alta no Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA) ou calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional, no período do 1 de xaneiro de 2022 ao 30 de outubro de 2022, e que cumpran os seguintes requisitos:
- Ter cotizado anteriormente a esta nova alta polo menos durante 3 meses ininterrompidos na súa vida laboral no Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA) ou calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional.
- Estar inscrita como persoa demandante de emprego nos servizos públicos de emprego con carácter previo a nova alta e carecer de ocupación efectiva, non ter contrato laboral en vigor e atoparse en tal situación na data inmediatamente anterior á de inicio da actividade laboral.
- Transcorrer un período mínimo de dous meses entre a nova alta na Seguridade Social e a anterior baixa.
- Ter o domicilio fiscal en algún concello de Galicia e desenvolver a súa nova actividade económica ou profesional en Galicia.
2. Persoas autónomas que queren cambiar de sector de actividadeà Tamén serán beneficiarias das axudas deste programa as persoas que estean de alta no Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA) ou calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional, e iniciaran unha nova actividade nun sector distinto ao anterior, no período do 1 de xaneiro de 2022 ao 30 de outubro de 2022, e que cumpran os seguintes requisitos:
- Ter cotizado, anteriormente a esta nova alta polo menos durante 6 meses ininterrompidos na súa vida laboral, no Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA), ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional.
- Ter un alta como persoa traballadora autónoma nun sector diferente o anterior, para o que se terá en conta o CNAE e o IAE.
- Ter o domicilio fiscal en algún concello de Galicia e desenvolver a súa nova actividade económica ou profesional en Galicia.
Contía das axudas
As axudas consistirán en dous tipos de bonos:
· Bono alta nova oportunidade para axudar á posta en marcha do novo negocio: concederáselles unha axuda de 9.000 € ás persoas que cumpran os requisitos establecidos.
· Bono formación e/ou Bono mentoring para acompañar e axudar na posta en marcha do negocio: a persoa beneficiaria do Bono alta nova oportunidade poderá recibir unha axuda de ata 1.600 € para realizar un mínimo de 40 horas de formación nas seguintes materias: formación xerencial, xestión comercial ou financeira, márketing dixital ou calquera outra que teña relación directa co negocio que se vai emprender e que así se xustifique.
Igualmente poderá contar cun mínimo de 40 horas, co acompañamento dunha persoa mentora, con traxectoria profesional e/ou sectores de actividade similares ao da persoa beneficiaria e que se axuste ás súas necesidades e características. O mínimo previsto de 40 horas poderase repartir entre ambas as actuacións de formación e mentoring ata acadar ese mínimo.
A axuda máxima total será de 10.600 euros.
Solicitude e prazo
As solicitudes ao programa presentaranse a través da sede electrónica da Xunta (https://sede.xunta.gal) e o prazo de presentación será dende o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia e ata o 31 de outubro.