A Xunta de Galicia publicou no Diario Oficial de Galicia as bases reguladoras das axudas do programa Emega para o fomento do emprendemento feminino en Galicia, financiadas con fondos REACT-UE no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020 como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19, e procede a súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento SI429A).
Apoiar o empoderamento económico e social das mulleres fomentando o emprendemento feminino é unha das liñas básicas de actuación da Xunta de Galicia no marco da igualdade de oportunidades; a importancia desta actuación e a súa necesidade recóllense de xeito expreso na normativa autonómica, tanto de igualdade como de emprendemento. A igualdade de oportunidades entre mulleres e homes segue a ser un valor fundamental, así como o apoio ás iniciativas empresariais xeradoras de emprego.
Neste contexto, o programa Emega consolídase como medida específica para o fomento do emprendemento feminino; comprende un conxunto de axudas dirixidas a apoiar a posta en marcha (liñas Emprende e ITEF), a mellora e a reactivación (liña Activa) de iniciativas empresariais constituídas por mulleres, incentivando a creación de emprego por conta propia e por conta allea para mulleres; xunto con medidas complementarias para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral (axuda complementaria Concilia), así como o acceso a servizos específicos de información, asesoramento e orientación empresarial co obxecto de facilitar a implantación e consolidación dos seus proxectos empresariais.
LIÑAS DE AXUDA
O programa Emega comprende as seguintes liñas de axuda:
1. Liña Emprende: liña de axudas económicas mediante incentivos para promover a posta en marcha de novas iniciativas empresariais e a creación de emprego feminino estable por conta propia e allea.
2. Liña Activa: liña de axudas económicas mediante incentivos para favorecer a reactivación, a consolidación de empresas constituídas por mulleres, ou a implantación de medidas innovadoras para a mellora da competitividade, a través de medidas de renovación, implantación, ampliación ou cambio de localización da actividade dirixidas a paliar unha situación económica adversa, e que resulten necesarias para o mantemento do emprego por conta propia e por conta allea.
3. Liña ITEF: liña de axudas económicas mediante incentivos para impulsar a implantación de iniciativas empresariais de carácter innovador, con contido científico ou con base tecnolóxica, promovidas por mulleres e que supoñan a creación de emprego feminino estable por conta propia e allea.
4. Liña Concilia: axuda complementaria das liñas Emprende, Activa e ITEF para promover a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, nas súas dúas modalidades: Concilia-promotoras e Concilia-persoas traballadoras por conta allea.
A QUEN VAI DIRIXIDO?
Poderán ser beneficiarias as empresas privadas (coa categoría de microempresa ou pequena empresa) formadas por mulleres que inicien a súa actividade económica ou formalicen o seu plan Activa no período comprendido entre o 1 de agosto de 2021 e a data da fin do prazo de presentación de solicitudes ao abeiro desta convocatoria. Cando se trate de empresarias individuais, a solicitude deberá ser presentada pola traballadora autónoma. Doutra banda, cando a actividade empresarial sexa realizada por unha sociedade civil, comunidade de bens, sociedade mercantil, cooperativa ou sociedade laboral, a solicitude de subvención deberá ser presentada por esta, e non serán válidas nin admisibles as solicitudes presentadas polas socias ou comuneiras a título persoal.
Ademais, lembrar que os requisitos e condicións comúns e específicos de cada liña deberán cumprirse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes e manterse durante o período mínimo de permanencia da actividade e do mantemento dos postos de traballo (dezaoito meses).
CONTÍA DOS INCENTIVOS POR CADA LIÑA
1. Liña Emprende: A contía dos incentivos da liña Emprende determínase en atención ao número de postos de traballo creados con carácter estable para mulleres, por conta propia ou por conta allea, de acordo coa seguinte escala:
a. Incentivo de 10.000 euros ás empresas que creen o posto de traballo da promotora
b. Incentivo de 16.000 euros ás empresas que creen dous postos de traballo para mulleres, por conta propia ou por conta allea con contrato indefinido, incluíndo o da promotora ou promotoras.
c. Incentivo de 20.000 euros ás empresas que creen tres postos de traballo para mulleres, por conta propia ou por conta allea con contrato indefinido, incluíndo o da promotora ou promotoras.
d. Incentivo de 22.000 euros ás empresas que creen catro ou máis postos de traballo para mulleres, por conta propia ou por conta allea con contrato indefinido, incluíndo o da promotora ou promotoras.
2. Liña Activa: A contía dos incentivos da liña Activa determínase en atención ao número de postos de traballo existentes na empresa, ocupados por mulleres, como consecuencia do mantemento ou do incremento do emprego preexistente, por conta propia ou por conta allea, de acordo coa seguinte escala:
a. Incentivo de 8.000 euros ás empresas que manteñan o posto de traballo da promotora.
b. Incentivo de 12.000 euros ás empresas con dous postos de traballo para mulleres, por conta propia ou por conta allea con contrato indefinido, incluíndo o da promotora ou promotoras.
c. Incentivo de 14.000 euros ás empresas con tres postos de traballo para mulleres, por conta propia ou por conta allea con contrato indefinido, incluíndo o da promotora ou promotoras.
d. Incentivo de 17.000 euros ás empresas con catro ou máis postos de traballo para mulleres, por conta propia ou por conta allea con contrato indefinido, incluíndo o da promotora ou promotoras.
a. Incentivo de 18.000 euros ás empresas que creen o posto de traballo da promotora.
b. Incentivo de 27.000 euros ás empresas que creen dous postos de traballo para mulleres, por conta propia ou por conta allea con contrato indefinido, incluíndo o da promotora ou promotoras.
c. Incentivo de 32.000 euros ás empresas que creen tres postos de traballo para mulleres, por conta propia ou por conta allea con contrato indefinido, incluíndo o da promotora ou promotoras.
d. Incentivo de 42.000 euros ás empresas que creen catro ou máis postos de traballo para mulleres, por conta propia ou por conta allea con contrato indefinido, incluíndo o da promotora ou promotoras.
a. A modalidade Concilia-promotoras consiste nun incentivo de 3.000 euros por empresa, sempre que forme parte dela algunha promotora con filla/s ou fillo/s que na data de finalización do prazo de xustificación da axuda sexan menores de tres anos.
b. A modalidade Concilia-persoas traballadoras por conta allea consiste nun incentivo, por importe máximo de 5.000 euros por empresa.
As solicitudes ao programa presentaranse a través da sede electrónica da Xunta (https://sede.xunta.gal) e o prazo de presentación será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.