A Xunta vén de publicar no Diario Oficial de Galicia as bases reguladoras, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións para actuacións de eficiencia enerxética en empresas turísticas, incluídas no Plan de modernización e competitividade do sector turístico do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEu. A concesión destas axudas tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva ata esgotar o crédito dispoñible previsto na convocatoria.

Estas bases teñen por finalidade a realización de actuacións de eficiencia enerxética que impulsen a economía circular en edificios completos cuxo uso sexa o aloxamento turístico. Están incluídas as seguintes tipoloxías: hoteis, pensións, establecementos de turismo rural, albergues turísticos e apartamentos turísticos. Doutra banda, estarían excluídos os establecementos de aloxamento turístico que ocupen parcialmente un edificio.

As axudas previstas nesta convocatoria financiaranse cun crédito total de 7.813.070 euros

A contía de cada axuda dependerá da tipoloxía de actuación, sendo o límite das axudas para cada proxecto subvencionable de 150.000 euros. En todo caso, a persoa beneficiaria deberá realizar un gasto efectivo, que deberá xustificar, de polo menos 5.000 euros no proxecto.

A quen vai dirixido?

Estas axudas están dirixidas ás pequenas e medianas empresas (pemes) que teñan residencia fiscal en España, e se encadren nalgún dos seguintes colectivos:

– As persoas físicas ou xurídicas de natureza privada que sexan propietarias de edificios existentes destinados a aloxamento turístico.

– As empresas explotadoras, arrendatarias ou concesionarias de edificios destinados a aloxamento turístico, que acrediten a dita condición mediante contrato vixente que lles outorgue facultade expresa para acometer as obras de reforma.

Actuacións subvencionables

As actuacións subvencionables deben encadrarse nunha ou varias das seguintes tipoloxías:

– Tipoloxía 1: Mellora da eficiencia enerxética da envolvente térmica

– Tipoloxía 2: Mellora da eficiencia enerxética e uso de enerxías renovables nas instalacións térmicas de calefacción, climatización, refrixeración, ventilación e auga quente sanitaria; incluída a instalación de redes de calor e frío alimentadas por fontes de enerxía renovable e/ou calor residual para complexos turísticos de varios edificios.

– Tipoloxía 3: Mellora da eficiencia enerxética das instalacións de iluminación

As actuacións subvencionables deberán realizarse en edificacións existentes e construídas con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2007, sempre que sexan edificios completos cuxo uso sexa o aloxamento turístico. Ademais, estas actuacións deberán alcanzar as dúas seguintes condicións:

– Redución do consumo de enerxía primaria non renovable do 30 % respecto á situación de partida.

– Mellora da cualificación enerxética total do edificio en, polo menos, unha letra medida na escala de emisións de dióxido de carbono (kg CO2/m2 ano). Este último criterio non será de aplicación cando o edificio acredite ter unha cualificación enerxética A.

Para a obtención das condicións anteriores poderanse combinar as actuacións que se vaian realizar, e non é necesario o seu cumprimento por cada actuación individualmente.

* O prazo máximo para a conclusión das actuacións obxecto da axuda será o que se fixe na resolución de concesión, sen que poida superar os 12 meses contados desde a data da notificación da resolución de concesión da axuda.

Solicitude e prazo

As solicitudes ao programa presentaranse a través da sede electrónica da Xunta (https://sede.xunta.gal) e o prazo de presentación será dende o día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia ata o 30 de marzo de 2023, salvo que con anterioridade se esgote o crédito orzamentario.

Abrir chat
Hola
¿En qué podemos ayudarte?