A Xunta vén de publicar no Diario Oficial de Galicia as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas, destinadas ao financiamento do Programa Muller 22, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea, NextGenerationEU, e se convoca para o ano 2022 (código de procedemento TR770A).
Os datos de incorporación das mulleres ao mundo laboral en España e en Galicia seguen estando por detrás da media europea, por causas socialdemográficas estruturais que dificultan o seu acceso a este mercado ou as afastan do tecido produtivo. Ademais os contextos de crise económica como a xerada pola recente pandemia de COVID-19, poñen en risco a estabilidade e a calidade no emprego tanto de homes como de mulleres, sendo estas as máis prexudicadas, dados os obstáculos que xa de por si enfrontan, e sendo tamén as que maiores taxas de expulsión presentan, converténdose nun dos colectivos máis afectados, polo que se fai preciso articular medidas específicas que melloren o seu acceso ao mercado.
Así, estas axudas incentivan a contratación de mulleres desempregadas que presentan desvantaxes e dificultades particulares para acceder ou permanecer no mercado de traballo.
Os incentivos serán de aplicación ás contratacións indefinidas iniciais a tempo completo que se celebren desde o 1 de xaneiro de 2022 e ata o 30 de setembro de 2022 con mulleres desempregadas.
A quen vai dirixido?
Poderán ser entidades beneficiarias das subvencións as persoas empregadoras e as empresas, calquera sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas, as cooperativas e as sociedades laborais, que contraten por conta allea mulleres desempregadas, inscritas como demandantes de emprego, para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia. Tamén poderán ser beneficiarios dos incentivos os centros especiais de emprego e as empresas de inserción laboral, excepto para facer contratos con persoas con discapacidade e contratos con persoas en situación ou risco de exclusión social respectivamente.
Contía das axudas
As contratacións indefinidas iniciais incentivaranse cunha axuda de 6.000 euros por cada muller desempregada contratada.
No caso de contratacións indefinidas iniciais na modalidade de fixos-descontinuos dun mínimo de 9 meses de duración, a contía do incentivo será proporcional ao tempo de traballo.
Requisitos da contratación
A contratación realizada coa muller desempregada pola que se solicita a subvención deberá ser indefinida inicial, incluída a modalidade de fixos-descontinuos dun mínimo de 9 meses de duración, e cunha xornada a tempo completo. Ademais, as contratacións polas que se solicita subvención deberán estar comunicadas, a través da aplicación Contrat@ á oficina pública de emprego que corresponda, no momento da solicitude.
Solicitude e prazo
As solicitudes ao programa presentaranse a través da sede electrónica da Xunta (https://sede.xunta.gal) e o prazo de presentación comezará ao día seguinte ao da publicación desta orde e rematará o 30 de setembro de 2022.