A Xunta vén de publicar no Diario Oficial de Galicia as bases reguladoras e a convocatoria das axudas á conciliación da vida familiar e laboral como medida de fomento da corresponsabilidade para as persoas traballadoras e as familias monoparentais que, entre o 1 de xullo de 2021 e o 31 de xullo de 2022, ambos os dous inclusive, teñan unha situación de redución da súa xornada de traballo para o coidado de fillos e fillas, sempre que se cumpran os requisitos e condicións establecidos (código de procedemento SI440A).

Ás subvencións desta convocatoria destinarase un crédito por un importe total de 773.393 euros. Estas axudas están financiadas con fondos REACT-UE, como parte da resposta da Unión á pandemia da COVID-19, no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020.

Lembrar que as axudas previstas nesta convocatoria son incompatibles con calquera outra subvención pública co mesmo obxecto e finalidade.

 

A quen vai dirixido?

Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas físicas, que no período comprendido entre o 1 de xullo de 2021 e o 31 de xullo de 2022, ambos os dous inclusive, se acollan á medida de redución de xornada para o coidado dun fillo ou filla menor de tres anos, ou menor de 12 anos no suposto de que padeza unha discapacidade recoñecida de porcentaxe igual ou superior ao 33 %, e que reúnan os seguintes requisitos:

1.       No caso de unidades familiares non monoparentais, co obxectivo de fomentar a corresponsabilidade, poderán ser beneficiarios os homes que se acollan á redución de xornada laboral para o coidado de fillas e fillos e sexan traballadores por conta allea, tanto da empresa privada como das administracións públicas, organismos autónomos, entes públicos de dereito privado e empresas públicas dependentes delas, con independencia de que o seu vínculo sexa laboral, funcionarial ou estatutario.

2.       No caso de unidades familiares monoparentais, poderá ser beneficiaria a persoa, home ou muller, que se acolla á redución de xornada laboral para o coidado de fillas e fillos e sexa persoa traballadora por conta allea, tanto da empresa privada como das administracións públicas, organismos autónomos, entes públicos de dereito privado e empresas públicas dependentes delas, con independencia de que o seu vínculo sexa laboral, funcionarial ou estatutario.

 

Contía das axudas

A contía desta axuda determinarase en función da porcentaxe de redución da xornada laboral e da súa duración, en atención ao número de fillas e fillos a cargo da persoa solicitante, de acordo cos seguintes tramos:

·         Cando a redución de xornada sexa de entre o 12,5 % e ata o 25 % dunha xornada laboral a tempo completo ou período equivalente no caso de xornada a tempo parcial, e a súa duración se estenda á totalidade do período subvencionable (8 meses):

Cun fillo ou filla a cargo: 1.700 euros.

Con dous fillos ou fillas a cargo: 2.000 euros.

Con tres ou máis fillos ou fillas a cargo: 2.300 euros.

·         Cando a redución de xornada sexa superior ao 25 % e ata o 37,50 % dunha xornada laboral a tempo completo ou período equivalente no caso de xornada a tempo parcial, e a súa duración se estenda á totalidade do período subvencionable (8 meses):

Cun fillo ou filla a cargo: 2.800 euros.

Con dous fillos ou fillas a cargo: 3.100 euros.

Con tres ou máis fillos ou fillas a cargo: 3.400 euros.

·         Cando a redución de xornada sexa superior ao 37,50 % e ata o 50 % ou máis dunha xornada laboral a tempo completo ou período equivalente no caso de xornada a tempo parcial, e a súa duración se estenda á totalidade do período subvencionable (8 meses):

Cun fillo ou filla a cargo: 3.100 euros.

Con dous fillos ou fillas a cargo: 3.400 euros.

Con tres ou máis fillos ou fillas a cargo: 3.700 euros.

 

Solicitude e prazo

As solicitudes ao programa presentaranse a través da sede electrónica da Xunta (https://sede.xunta.gal) e o prazo de presentación será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Abrir chat
Hola
¿En qué podemos ayudarte?