A Xunta vén de publicar no Diario Oficial de Galicia as bases reguladoras das subvencións Xempre Emprendemento para apoiar iniciativas de emprendemento das persoas traballadoras autónomas e as pequenas e medianas empresas, incluídas as cooperativas e sociedades laborais, que estean de alta e iniciasen a súa actividade económica dende o 1 de xaneiro de 2020 no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento TR880A).
A finalidade destas axudas é facilitar as iniciativas de emprendemento, contribuíndo ao incremento da súa actividade económica, a súa competitividade e, en definitiva, manter os empregos de calidade, a través do apoio ao financiamento do investimento realizado e pagado entre o 1 de xaneiro de 2022 ata a data da presentación da solicitude.
O orzamento destas subvencións 2.825.000 euros.
A quen vai dirixido?
Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas traballadoras autónomas e as pequenas e medianas empresas, que cumpran os seguintes requisitos:
a) Ter o domicilio fiscal en Galicia.
b) Figurar inscritas como tales nos correspondentes rexistros administrativos da Comunidade Autónoma de Galicia.
c) Ter presentado, de ser o caso, as contas anuais do último ano no Rexistro Mercantil ou no Rexistro de Cooperativas, segundo corresponda á súa forma xurídica.
d) Ter iniciada a súa actividade económica no período que transcorre entre o 1 de xaneiro de 2020 ata a data de presentación da solicitude.
e) Ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións da axuda.
f) Estar ao día no pagamento das súas obrigas tributarias e da Seguridade Social para obter subvencións.
g) Non teren sido sancionadas mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións.
Conceptos subvencionables
1. Serán subvencionables os investimentos que correspondan de xeito indubidable ao proxecto empresarial que iniciou a súa actividade económica desde o 1 de xaneiro de 2020. En concreto:
· Equipamento informático.
· Activos intanxibles: activos que no teñen unha materialización física ou financeira.
· Investimentos en eficiencia enerxética.
· Adquisición de bens de equipamento e mobiliario.
· Reforma e habilitación das instalacións do local de negocio.
· A adquisición de activos pertencentes a un establecemento ou de bens de equipamento de segunda man serán subvencionables sempre que cumpran unha serie de requisitos.
2. Os bens obxecto de investimento deberán ser adquiridos en propiedade pola persoa beneficiaria, admitiranse expresamente, a estes efectos, as reformas de instalacións en inmobles alugados. No caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de pagamento aprazado, estes deberán pasar a ser de propiedade plena da persoa beneficiaria antes do remate do prazo de execución do proxecto, neste momento deben constar o vencemento e o pagamento das cantidades aprazadas.
3. Os investimentos terán que estar realizados e pagados dentro do prazo de execución, que abrangue desde o 1 de xaneiro de 2022 ata a data da presentación da solicitude.
4. O investimento en bens inscritibles nun rexistro público terá que ser mantido, vinculado á actividade económica subvencionable, no centro de traballo en Galicia, durante os 5 anos seguintes á data do pagamento final á persoa beneficiaria, e o resto do investimento, durante 3 anos desde a devandita data.
5. O investimento subvencionado poderá ser substituído no caso de obsolescencia, sempre e cando a actividade económica da beneficiaria se manteña en Galicia durante este período. Neste caso, deberá quedar constancia contable e no inventario da empresa da substitución efectuada.
6. Quedan expresamente excluídos do ámbito de aplicación destas bases os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación e os impostos persoais sobre a renda, xuros e gastos financeiros, e as taxas.
7. Os bens obxecto de investimento deberán ser adquiridos a terceiros.
8. En ningún caso poderá concertar a persoa beneficiaria a execución total ou parcial das actividades.
9. En ningún caso o custo dos investimentos subvencionables poderá ser superior ao valor do mercado.
Contía das axudas
A contía da axuda terá as seguintes porcentaxes de intensidade en función do rango de investimento total realizado:
a) Con investimentos de 5.000 € ou máis ata un límite de 10.000 €, a contía da axuda será do 60 % do investimento.
b) Con investimentos de 10.001 € ou máis ata un límite de 30.000 €, a contía da axuda será do 50 % do investimento.
c) Con investimentos de 30.001 € ou máis ata un límite de 50.000 €, a contía da axuda será do 40 % do investimento.
d) Con investimentos de 50.001 € ou máis ata un límite de 100.000 €, a contía da axuda será do 30 % do investimento.
Solicitude e prazo
As solicitudes ao programa presentaranse a través da sede electrónica da Xunta (https://sede.xunta.gal) e o prazo de presentación será dun mes dende o 4 de outubro de 2022.