A Xunta de Galicia publicou no día de onte no DOG, un Programa de apoio para favorecer a contratación de mulleres desempregadas na empresa ordinaria en ocupacións masculinizadas*, co obxectivo de contribuír a incrementar as baixas taxas de ocupación feminina nas ditas ocupacións.Con este fin establécense dúas liñas de axudas:
1. Liña de incentivos á contratación por conta allea de mulleres desempregadas.
2. Liña de axudas para a adaptación dos espazos ou dos postos de traballo na empresa, de carácter opcional, coa finalidade de eliminar barreiras e/ou obstáculos que impidan ou dificulten o acceso e o desempeño profesional das mulleres en ocupacións masculinizadas.
Poderán ser entidades beneficiarias dos incentivos previstos nesta orde as persoas empregadoras e as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas, as sociedades civís e as comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica, que contraten mulleres por conta allea en ocupacións masculinizadas, para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos requisitos e condicións que se establecen nesta orde.
A contía desta axuda para a contratación é inicialmente, para as contratacións a tempo completo de 15.000 euros, e para as contratacións a media xornada, ascenderá a 7.500 euros. Ambas poden incrementarse, dependendo de cada un dos casos, ata alcanzar un máximo de 26.250 euros.
Para os traballos e obras de adaptación de espazos, a intensidade desta axuda pode chegar ata os 10.000 euros como máximo.
As solicitudes presentaranse a través da sede electrónica da Xunta de Galicia co procedemento TR349W
O prazo para a presentación das solicitudes estará aberto ata o 30 de setembro de 2024.
Máis información no DOG do 18 de xullo de 2024 https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240718/AnuncioG0767-100724-0002_es.html
AMPLÍA ESTA INFORMACIÓN: