A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración publicou a Orde do 29 de decembro de 2025 pola que se regulan e convocan para o ano 2026 axudas destinadas a impulsar a innovación, modernización e sustentabilidade do comercio local e artesanal en Galicia.

Estas subvencións concédense en réxime de concorrencia non competitiva, por orde de entrada das solicitudes ata o esgotamento do crédito dispoñible, e enmárcanse no Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030 e na Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3) 2021-2027.

O obxectivo destas axudas é apoiar os comercios minoristas e os obradoiros artesáns na mellora da súa dixitalización, modernización e sustentabilidade ambiental.

O orzamento destinado á convocatoria ascende a 3.950.000 euros para o ano 2026, coa posibilidade de ampliación no caso de existir crédito dispoñible.

Poderán ser persoas beneficiarias os comerciantes minoristas e os talleres artesáns que desenvolvan a súa actividade en Galicia, teñan a consideración de pemes, conten cun máximo de dez persoas traballadoras e dispoñan dun local cunha superficie de venda igual ou inferior a 300 metros cadrados, con determinadas excepcións. No caso da artesanía, os obradoiros deberán estar inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

As axudas teñen a consideración de minimis e cubrirán ata o 80 % do gasto subvencionable, excluído o IVE, podendo incrementarse ata o 90 % no caso de establecementos situados en zonas declaradas como Vilas Vivas. A inversión mínima subvencionable será de 1.000 euros.

A convocatoria estrutúrase en tres liñas de axuda: dixitalización e innovación, modernización comercial e sustentabilidade ambiental, que inclúen actuacións como a creación de páxinas web e comercio electrónico, a adquisición de equipamento e software, reformas e melloras nos locais comerciais, así como o uso de materiais ecolóxicos e embalaxes sostibles identificados coa marca Comercio Galego.

O prazo de presentación de solicitudes iniciarase o 16 de xaneiro de 2026 ás 9.00 horas e permanecerá aberto durante un mes, ata as 20.00 horas do último día. A tramitación realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.