Sonia Acuña, secretaria xeral de APE Galicia participou este mañá no webinario de presentación de Feminino é dixital por parte da directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado; xunto ás principais asociacións de mulleres autónomas, empresarias e mentoras de Galicia, como Ana Prego, vicepresidenta da asociación.
Esta iniciativa, que comezará o próximo 26 de maio, forma parte do programa Autónomos Dixitais co que a Xunta de Galicia quere formar de xeito gratuito en comercio electrónico a 1.200 persoas traballadoras autónomas ata finais de xuño, co que se pretende reforzar o tecido empresarial galego na nova era dixital.
Este ano diríxese a catro perfís: as mulleres, á mocidade (menores de 30 anos); persoas entre 31 e 44 anos; e maiores de 45 anos, que poderán participar en dous cursos de 50 horas de duración, totalmente gratuitos e en formato dixital: un básico sobre fundamentos para a creación dun proxecto de comercio electrónico; e un avanzado, de especialista en e-commerce.
Na presentación de Feminino é Dixital, Zeltia Lado destacou que esta iniciativa non só está dirixida ás autónomas dadas de alta, senón tamén a aquelas que tiveron que pechar os seus negocios como consecuencia da pandemia para que poidan ter unha segunda oportunidade a través da dixitalización.
As persoas interesadas en participar nos cursos poden solicitar a súa praza a través da páxina web www.autonomosdixitais.com, do mail info@autonomosdixitais.com e da páxina da Oficina do Autónomo da Xunta, www.oficinadoautonomo.gal.