A Xunta vén de publicar no Diario Oficial de Galicia a convocatoria dos cursos de prevención de riscos laborais de nivel básico para persoal empregado público, traballador por conta allea ou autónomo, empresario e persoas con inquietudes no ámbito da prevención de riscos laborais, de acordo co convenio de colaboración subscrito entre a Escola Galega de Administración Pública (EGAP) e o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga) para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación.
Máis polo miúdo, os cursos terán tres edicións en modalidade de teleformación, cunha duración de 60 horas cada un, e impartiranse do 20 de setembro ao 18 de novembro. O número de prazas por edición será de 100.
A quen vai dirixido?
Poderán participar nesta actividade formativa os/as empregados/as públicos/as, traballadores/as por conta allea ou autónomos/as, empresarios/as e aquelas persoas con inquietudes no ámbito da prevención de riscos laborais.
Contido do curso
1) Conceptos básicos sobre seguridade e saúde no traballo.
2) Riscos xerais e a súa prevención.
3) Riscos específicos do sector da actividade da empresa e a súa prevención.
4) Elementos básicos da xestión da prevención de riscos.
5) Primeiros auxilios.
6) Prevención de riscos laborais desde a perspectiva de xénero.
Solicitude e prazo
O prazo para a inscrición estará aberto desde as 9.00 horas do día 22 de agosto ata as 23.55 horas do día 31 de agosto de 2022. As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo https://egap.xunta.gal/matricula.