Obxecto

A Axencia Galega de Innovación acaba de publicar no Diario Oficial de Galicia, nº 84, as axudas dirixidas ás microempresas, pequenas e medianas empresas, destinadas ao financiamento das actividades integradas en plans de Innovación que lles permitan o fortalecemento naquelas áreas que sexan relevantes para a sistematización e internacionalización dos procesos de innovación da empresa, e estean aliñados coas prioridades establecidas na RIS3 para Galicia (código procedemento IN848D).

O importe total da convocatoria é de 2.800.000,00 euros, 1.050.000,00 € con cargo ao ano 2021 e 1.750.000,00 € con cargo ao ano 2022.

Poderán ser beneficiarias destas axudas as microempresas, pequenas e medianas empresas, con domicilio social ou un centro de traballo en Galicia, onde deberán desenvolver as actividades para as que se solicita a axuda, entendendo como:

·         MICROEMPRESA: Ocupa menos de 10 persoas e ten un volumen de negocio anual ou balance xeral anual que non supero os 2 millóns de euros.

·         PEQUENA EMPRESA: Ocupa menos de 50 persoas e o seu volumen de negocio anual ou balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros.

·         MEDIANA EMPRESA: Ocupa menos de 250 persoas e o seu volume de negocio anual non excede os 50 millóns de euros ou o seu balance xeral non excede de 43 millóns de euros.

Non poderán adquirir a condición de beneficiarios destas axudas:

–       As que xa resultasen beneficiarias do Programa InnovaPeme nas resolucións de concesión do ano 2017 (Resolución do 11 de novembro de 2017; DOG núm. 232), do ano 2019 (Resolución do 29 de xullo de 2019; DOG núm. 153) e do ano 2020 (Resolución do 15 de setembro de 2020; DOG núm. 196).

–       As que no momento da publicación desta resolución, inclúan como rúbricas exclusivas da Clasificación nacional de actividades económicas-CNAE-2009 da Sección J – información e comunicacións- divisións 61: Telecomunicacións; 62: Programación, consultaría e outras actividades relacionadas coa informática e 63: Servizos de información.

–       As asociacións, as fundacións e, en xeral, as entidades sen ánimo de lucro.

–       As entidades e sociedades públicas con personalidade xurídica propia vinculadas ou dependentes das administracións públicas, así como aquelas pertencentes á Administración institucional, calquera que sexa a Administración na que se integren.

–       Calquera ente, organismo ou entidade con personalidade xurídica propia, que se teñan creado especificamente para satisfacer necesidades de interese xeral que non teñan carácter industrial ou mercantil, sempre que un ou varios suxeitos pertencentes ao sector público financien maioritariamente a súa actividade, controlen a súa xestión, ou nomeen máis da metade dos membros do seu órgano de administración, dirección ou vixilancia.

–       As microempresas, pequenas e medianas empresas en crise.

–       As microempresas, pequenas e medianas empresas que están suxeitas a unha orde de recuperación pendente, tras unha decisión previa da Comisión Europea que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

–       As microempresas, pequenas e medianas empresas nas que concorra algunha das prohibicións recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007.

Serán actividades subvencionables aquelas incluídas nun plan de innovación que deberá reunir, necesariamente, as seguintes características:

·         Serie de actividades que constitúan un conxunto completo e homoxéneo que permita implementar ou incrementar as capacidades innovadoras da empresa solicitante e que impliquen unha ou varias destas opcións:

1)    Actividades de innovación que permitan correxir deficiencias de mercado: relacionadas con externalidades positivas (desbordamento do coñecemento), deficiencias de coordinación e, en menor medida, información asimétrica; estas actividades comprenderán a obtención, validación e defensa de patentes e outros activos inmateriais, o envío en comisión de servizo de persoal altamente cualificado e a adquisición de servizos de asesoramento e apoio á innovación. A contía máxima da axuda que pode ser concedida determinarase sobre o investimento cun límite de intesidade do 50%.

2)    Innovación en materia de procesos e/ou de organización: a aplicación dun método de produción ou subministración nova ou significativamente mellorada (incluídos cambios significativos en canto a técnicas, equipamentos ou programas informáticos), dun novo método organizativo ás prácticas comerciais, a organización do centro de traballo ou as relacións exteriores dunha empresa. A contía máxima da axuda que pode ser concedida determinarase sobre o investimento cun límite de intesidade do 50%.

Non se inclúen os cambios ou melloras de importancia menor, os aumentos das capacidades de produción ou servizo mediante a introdución de sistemas de fabricación ou loxística moi similares aos xa utilizados, os cambios baseados en métodos organizativos xa empregados na empresa, os cambios na estratexia de xestión, as fusións e adquisicións, o abandono dun proceso, a mera substitución ou ampliación de capital, os cambios exclusivamente derivados de variacións do prezo dos factores, a produción personalizada, a adaptación aos usos locais, os cambios periódicos de carácter estacional ou outros cambios cíclicos e o comercio de produtos novos ou significativamente mellorados.

·         Deberá estar aliñado con algunha das prioridades da RIS3 para Galicia.

·         O orzamento subvencionable será dun mínimo de 80.000 euros e dun máximo de 200.000 euros nas actividades desenvolvidas na Comunidade Autónoma Galega, e a súa duración mínima será dun ano e a máxima estenderase ata o 30 de setembro de 2022.

·         Enténdese que as axudas teñen un efecto incentivador se a solicitude se presenta antes do inicio da actividade. Entenderase que a actividade comeza co primeiro compromiso en firme para o pedido de equipos ou outro compromiso que faga o investimento irreversible. Os traballos preparatorios, como a obtención de permisos e a realización de estudos previos de viabilidade, non se consideran o inicio dos traballos.

En consecuencia, a data de inicio das actividades integradas no plan de innovación deberá ser sempre posterior á data de presentación da solicitude da axuda.

 

Os gastos considerados subvencionables serán aqueles que resulten estritamente necesarios para o desenvolvemento do plan de innovación para o que foron concedidos. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

Cando o importe do gasto subvencionable iguale ou supere a contía de 15.000 euros, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, salvo que non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren; e a elección entre as ofertas presentadas, deberá xustificarse expresamente nunha memoria cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

Os gastos subvencionables deberán respectar o disposto nos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020 e serán exclusivamente custos directos, entendendo como tales aqueles que estean directa e inequivocamente relacionados coa actividade subvencionada e cuxo nexo con esta actividade pode demostrarse.

Entre os custos directos subvencionables destacan:

Para actividades de innovación

·         Custos de obtención, validación e defensa de patentes e outros activos inmateriais; incluiranse os custos derivados da obtención de certificacións oficiais vinculadas co plan de innovación, como, a modo indicativo, a especificación EA0047 «Requisitos para a consideración como Pequena ou Mediana Empresa innovadora», EA0043 »Requisitos da Xove Empresa Innovadora. XEI» e as incluídas na serie de normas UNE 166000 dedicadas a apoiar a optimización da «Xestión da I+D+i».

·         Custos de envío en comisión de servizo de persoal altamente cualificado procedente dun organismo de investigación e difusión de coñecementos ou unha gran empresa, que traballe en actividades de investigación, desenvolvemento e innovación nunha función recentemente creada na entidade beneficiaria e que non substitúa a outro persoal.

·         Custos de servizos de asesoramento en materia de innovación: consultaría, asistencia e capacitación nos ámbitos da transferencia de coñecemento, a adquisición, protección e explotación de activos inmateriais, e o uso de normas e regulamentos que os incorporan.

·         Custos de servizos de apoio en materia de innovación: bancos de datos, bibliotecas, investigación de mercados, laboratorios, etiquetaxe de calidade, ensaio e certificación, co fin de desenvolver produtos, procesos ou servizos máis eficaces.

Para innovación en materia de procesos e organización

·         Custos de persoal propio.

·         Custos de persoal de nova contratación.

·         Custos de adquisición de licenzas de propiedade industrial: as licenzas deberán ser adquiridas ou obtidas de fontes externas, sempre e cando a operación se realice en condicións de plena competencia e sen elemento ningún de colusión.

·         Custos de material, subministracións e produtos similares, que se deriven directamente do desenvolvemento do plan e que deberán estar especificados na Memoria do Plan de innovación. Os custos de material de oficina e consumibles informáticos non se financiarán neste concepto. Este custo non poderá superar o límite do 20 % do custo total da actividade subvencionada.

·         Subcontratacións: aquelas actuacións contratadas con terceiros debidamente xustificada e motivada na memoria técnica, que supoñan a execución dunha parte das actividades incluídas no Plan de innovación que constitúe o obxecto da subvención, non podendo superar o límite do 50 % do custo total da actividade subvencionada.

·         Custos de equipamento e material instrumental de nova adquisición e non adquirido con fondos ou axudas públicas: na medida en que se utilicen para as actividades do Plan de innovación.

·         A instalación do equipamento sempre e cando sexa estritamente necesaria para a súa posta en funcionamento.

·         As licenzas e renovacións de licenzas de software se son de uso específico para as actividades de I+D+i e non de uso xeral.

Non se considerarán os seguintes gastos:

·         Instalacións de edificios (electricidade, climatización, redes de telecomunicacións…).

·         Equipamento para espazos ou usos alleos ás actividades de I+D+i: zonas de administración ou xestión, salas de reunións, despachos, mobiliario de oficina…

·         Toda aplicación ou software xa existente ou a súa adaptación; os desenvolvementos ofimáticos, financeiros ou contables.

·         Servizos de telecomunicacións ou de almacenamento ou hospedaxe da información.

·         Arrendamento de equipos (hardware), redes ou sistemas físicos de tecnoloxías da información ou das comunicacións.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

 

Normativa

Axencia Galega de Innovación

– RESOLUCIÓN do 22 de abril de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a mellora da capacidade de innovación das empresas en Galicia, a través do financiamento das actividades integradas en plans de innovación enmarcados en prioridades estratéxicas da RIS3, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento IN848D). Programa InnovaPeme.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210505/AnuncioG0198-230421-0001_gl.html

– EXTRACTO da Resolución do 22 de abril de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a mellora da capacidade de innovación das empresas en Galicia, a través do financiamento das actividades integradas en plans de innovación enmarcados en prioridades estratéxicas da RIS3, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento IN848D). Programa InnovaPeme.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210505/AnuncioG0198-230421-0002_gl.html

Abrir chat
Hola
¿En qué podemos ayudarte?