A Xunta de Galicia destinará 3,5 millóns de euros á nova convocatoria da orde de axudas para mellorar os establecementos turísticos, o que supón máis do dobre que os 1,5 millóns de euros investidos o ano pasado e á que tamén poden acollerse albergues turísticos.
Así o anunciou o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou na súa visita ao albergue da Asociación Galega Amigos do Camiño de Santiago (AGACS) San Antonio de Hebrón de Padrón, onde estivo acompañado pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor; o presidente da Federación Galega de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, Manuel López e o alcalde de Padrón, Antonio Fernández.
Con estas axudas, que o Goberno galego prevé publicar na segunda quincena deste mes, preténdese apostar por un servizo de calidade, competitivo e diferenciado dos establecementos hoteleiros, campamentos de turismo, casas de turismo rural, albergues turísticos e negocios de restauración que axude a reactivar o sector e recuperar a confianza dos viaxeiros neste Ano Santo dobre.
Entre as actuación subvencionables que financiaranse ata o 50% do investimento realizado, cunha achega dun máximo de 50.000 euros inclúense medidas que garantan a accesibilidade e a supresión das barreiras arquitectónicas e que permitan obter certificacións de calidade como a Q de Calidade Turística ou elevar a categoría do establecemento.
Tamén se financian accións a prol da sustentabilidade como a mellora da climatización coa posta en marcha de medidas de aforro enerxético, actuacións de dixitalización dos sistemas de xestión e comercialización, a modernización dos locais e o embelecemento do entorno, a dotación de equipamentos mobles para o seu funcionamento e a adaptación dos sistemas de seguridade e saúde.
Por outra banda, a Xunta de Galicia continúa traballando da man do sector no futuro modelo turístico a través do Plan Director 2021-2023, no que tamén participan as tres universidades galegas e que xa rematou a primeira fase de participación.
Ademais de basar este novo modelo na sustentabilidade, na calidade e nunha oferta segmentada e diferenciada, preténdese situar a Galicia como un destino seguro e non masificado con espazos naturais e abertos, aspectos moi demandados polos visitantes neste escenario marcado pola pandemia, polo que tamén o Goberno galego conta cun Plan de choque para o sector turístico dotado con 35,7 millóns de euros, que inclúe medidas novidosas como o seguro coronavirus, que conta cun orzamento de 1,2 millóns de euros para cubrir os gastos dos viaxeiros aloxados en establecementos turísticos de Galicia en caso de infección por covid-19.