O venres día 1 de setembro demos inicio ás nosas xornadas formativas en materia de prevención de riscos laborais.
Esta primeira sesión tratou sobre os riscos psicosociais e o acoso laboral. Foi impartida na nosa sede de APE Galicia en Pontevedra, aínda que se retransmitiu en streaming para todas aquelas persoas que por circunstancias non podían acudir a vivilas en directo connosco.
Da man do noso relator, Pedro Bruzos Lama director técnico do Grupo Isonor, aprendemos a realizar unha correcta avaliación dos factores psicosociais, a importancia de dispoñer dun protocolo de prevención dos tres tipos de acoso: laboral, sexual e por razón de sexo, e as diferenzas e particularidades de cada un. Ademais, obtivemos unha visión global da prevención de riscos e incluíronse formas e medidas de actuación en todas as especialidades, sen descoidar as medidas organizativas. Desta forma, nesta hora e media de formación puidemos entender o valor de alimentar unha boa cultura preventiva en todos os niveis da organización.
Este venres día 8 de setembro no mesmo horario teremos a próxima xornada onde trataremos os riscos ergonómicos á hora de realizar teletraballo.
O xoves 14 terminaremos estas primeiras edicións cunha formación en materia de riscos laborais para autónomos tanto con empregados como sen empregados.
Aínda podes inscribirte na nosa plataforma: www.apegalicia.gal
De todos os xeitos, se te quedaches con ganas de acudir e aprender un pouco máis acoso laboral e riscos psicosociais no traballo, proximamente contaremos cunha segunda edición.
Dende APE Galicia, queremos aproveitar este espazo para agradecer a todos os que acudistes tanto de forma presencial como en liña polo respecto e interese mostrado tanto co tema e o relator. Esperamos volver vervos moi pronto!