APE-Galicia - Servizos

Praza de España, 1 – 1º Esq. – Ofic. 1 | 36002 – PONTEVEDRA
Telf.: 986891657 | Fax: 986891657
Inicio » Listado de noticias » A xunta de galicia pon en m...

A Xunta de Galicia pon en marcha subvencións para a ecoinnovación e dixitalización da industria forestal-madeira

A Xunta vén de publicar no Diario Oficial de Galicia as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para investimentos en ecoinnovación e dixitalización da industria forestal-madeira e outras industrias que desenvolvan solucións ecoinnovativas baseadas na madeira, financiadas ao 100 % no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (códigos de procedemento IN500C e IN500D).

Estas axudas teñen como obxectivo contribuír a fomentar a modernización e a dixitalización do sector forestal-madeira e impulsar o ecodeseño e a economía circular. As subvencións obxecto desta resolución serán financiadas con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia cun crédito total de 2.500.000 €, que se distribuirá entre as anualidades 2022 e 2023.


Persoas beneficiarias

No caso da liña 1- Ecoinnovación (código de procedemento IN500C):

·         Pequenas e medianas empresas (incluídas as persoas autónomas) da industria forestal-madeira radicadas en Galicia que realicen aproveitamentos forestais ou que utilicen a madeira, a resina, a cortiza e os seus derivados ou outros produtos de orixe forestal, exceptuando os produtos alimentarios, como materia prima para a elaboración dos seus produtos.

·         Pequenas e medianas empresas (incluídas as persoas autónomas) radicadas en Galicia que implementen ou desenvolvan solucións ecoinnovativas baseadas en madeira.

·         Organismos intermedios: organizacións públicas ou privadas, sen ánimo de lucro e con personalidade xurídica propia que, de forma habitual, presten servizos de apoio á innovación e á modernización ás pemes e que dispoñan de recursos materiais e humanos para impulsar e orientar os proxectos, que desenvolvan a súa actividade principal en Galicia.

* As empresas poderán presentarse de forma individual ou agrupadas. Os proxectos de agrupacións (presentados por organismos intermedios ou por unha agrupación de empresas) deberán contar cun mínimo de 3 pemes.

 

Para a liña 2- Dixitalización (código de procedemento IN500D):

·         Pequenas e medianas empresas (incluídas as persoas autónomas) da industria forestal-madeira radicadas en Galicia que realicen aproveitamentos forestais ou que utilicen a madeira, a resina, a cortiza e os seus derivados ou outros produtos de orixe forestal, exceptuando os produtos alimentarios, como materia prima para a elaboración dos seus produtos.

·         Asociacións, organizacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro, públicas ou privadas, que teñan base asociativa e sexan representativas ou estean relacionadas coa cadea de valor da industria forestal-madeira e que desenvolvan a súa actividade en Galicia.

 

Actuacións obxecto de apoio

Liña 1- Ecoinnovación: dirixida a apoiar proxectos vinculados ao ámbito de traballo das empresas beneficiarias especificadas que comprendan polo menos algunha das seguintes actuacións:

a) Ecodeseñar produtos ou materiais que utilicen a madeira como materia prima, para conseguir desenvolvementos técnicos ou prototipos que melloren a pegada ambiental ao longo do ciclo de vida, respecto a outras alternativas ou modelos anteriores.

b) Implantar solucións de economía circular, encamiñadas a previr o malgasto e recuperar o máximo valor dos materiais nos procesos propios das persoas beneficiarias.

c) Introducir ferramentas para a análise dos aspectos ambientais que permitan á empresa identificar e, nalgúns casos, cuantificar os impactos ambientais asociados ás distintas fases do ciclo de vida en procesos produtivos vinculados coa madeira.

 

Liña 2- Dixitalización: dirixida a apoiar proxectos de dixitalización das persoas beneficiarias, vinculados aos procesos que utilicen madeira ou os seus derivados e que comprendan polo menos algunha das seguintes actuacións:

a) Implantar sistemas de dixitalización, xa sexa dalgún proceso concreto (por exemplo, interacción coa Administración pública ou proceso de fabricación) ou de xestión integral (ERP, CRM e similares), especificamente deseñados, desenvoltos ou adaptados a un proceso concreto dentro do seu ámbito de actividade.

b) Poñer en marcha sistemas para a xestión do ciclo de vida de produtos feitos en madeira. Solucións tales como PDM, PLM ou DMF que recollan a información do produto desde a concepción deste ata a súa eliminación ou posta á venda, incluíndo o deseño e fabricación.

c) Implantar sistemas para o control e/ou mellora dos procesos produtivos, por exemplo sistemas de captura de datos, automatización, supervisión remota, sensórica e/ou mantemento preventivo.

d) Dixitalizar procesos que poidan levar asociada a impresión 3D ou fabricación aditiva de produtos feitos con madeira no proceso produtivo da empresa.

e) Despregar sistemas de planificación, control dos recursos empresariais e/ou loxística, tanto interna como externa.

f) Automatizar e/ou sensorizar produtos ou servizos para o seu control e rastrexabilidade.

g) Implementar sistemas de interconexión de elementos físicos e virtuais, procesamento de datos capturados (big data) e ciberseguridade.

h) Desenvolver e poñer en marcha sistemas de analítica avanzada, intelixencia artificial, aprendizaxe automática e/ou toma de decisións autónoma (intelixencia empresarial) en relación coa industria das empresas beneficiarias.

i) Desenvolver ou adoptar unha interface dixital para as interaccións comerciais cos clientes ou provedores da industria forestal-madeira.

j) Implantar e/ou desenvolver sistemas de integración da cadea de valor, tanto a nivel organizativo en sentido horizontal como a nivel de colaboración en sentido vertical.

 

Contía das axudas

O gasto mínimo subvencionable para as dúas liñas de axudas será de 7.000 euros.

O importe máximo subvencionable será do 70% do gasto subvencionable, cun límite de 70.000 euros por beneficiario.

 

Solicitude e prazo

As solicitudes ao programa presentaranse a través da sede electrónica da Xunta (https://sede.xunta.gal) e o prazo de presentación permanecerá aberto dende mañá ata o 31 de outubro ou ata esgotamento dos fondos no caso de que se produza con anterioridade a esa data.

  • Copia_de_copia_de_axudas_xunta