APE-Galicia - Servizos

Praza de España, 1 – 1º Esq. – Ofic. 1 | 36002 – PONTEVEDRA
Telf.: 986891657 | Fax: 986891657
Inicio » Listado de noticias » A xunta de galicia pon en m...

A Xunta de Galicia pon en marcha as subvencións para a transformación das pequenas e medianas empresas da industria forestal galega e do contract

A Xunta publicou no Diario Oficial de Galicia as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2022, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas á valorización e á segunda transformación das pequenas e medianas empresas da industria forestal galega e do contract (código de procedemento IN500B).

Con esta acción, dende a Axencia Galega da Industria Forestal, buscan revalorizar a competitividade e a innovación das empresas forestais con especial incidencia na segunda e seguintes fases de transformación.

A quen vai dirixido?

Poderán ser beneficiarias as pequenas e medianas empresas, incluídas as persoas autónomas, da industria forestal e do contract radicadas en Galicia que utilicen a madeira e os seus derivados, a resina, a cortiza ou outros produtos de orixe forestal, exceptuando os produtos alimentarios, como materia prima para a elaboración dos seus produtos.

Proxectos subvencionables

Serán subvencionables os proxectos de investimento realizados polas persoas beneficiarias nos seus procesos de produción vinculados á transformación da madeira e os seus derivados, resina, cortiza, así como doutros produtos de orixe forestal, exceptuando os alimentarios, e que teñan como obxectivo aumentar a súa produtividade ou a implantación de técnicas que permitan obter novos produtos ou produtos valorizados ou procesos que favorezan a minoración do impacto ambiental.

As empresas solicitantes poderán presentar como máximo un proxecto.

Investimentos subvencionables

  1. Compra de maquinaria nova vinculada aos procesos de transformación de produtos de orixe forestal non alimentarios, así como para os procesos de secado e doutros tratamentos e acabamentos da madeira.
  2. Obras e instalacións necesarias para a correcta instalación e funcionamento dos investimentos obxecto de subvención.
  3. Outros bens de equipamento novos que formen parte do activo da empresa e interveñan no proceso produtivo obxecto do proxecto.
  4. Implantación e certificación da cadea de custodia de produtos forestais, de normativas de calidade e de xestión ambiental, e implantación de plans de mellora da xestión empresarial.
  5. Servizos, bens, equipamentos, tecnoloxías e obras de acondicionamento necesarios para a obtención de certificados ou selos de calidade e ambientais, marcas de garantía rexistradas, marcas colectivas rexistradas ou implantación da marcación CE de produtos de orixe forestal e condicionados á súa obtención dentro do prazo de xustificación da axuda.
  6. Ensaios de caracterización de produto realizados conforme a normativa oficial por un laboratorio acreditado para a realización do ensaio.
Contía das axudas

Os investimentos subvencionaranse cunha axuda do 50 % dos gastos elixibles e a contía máxima por solicitante limitarase a 200.000 euros.

Solicitude e prazo

As solicitudes ao programa presentaranse a través da sede electrónica da Xunta (https://sede.xunta.gal) e o prazo de presentación será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.