APE-Galicia - Servizos

Praza de España, 1 – 1º Esq. – Ofic. 1 | 36002 – PONTEVEDRA
Telf.: 986891657 | Fax: 986891657
Inicio » Listado de noticias » A xunta de galicia pon en m...

A Xunta de Galicia pon en marcha ás subvencións para o apoio á consolidación das entidades da economía social de Galicia Bono consolida economía social

A Xunta vén de publicar no Diario Oficial de Galicia as bases reguladoras das axudas para o apoio á consolidación das entidades da economía social de Galicia Bono consolida economía social, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento TR802L).

As empresas de economía social teñen demostrado a súa capacidade de resistencia ás crises, de creación de emprego estable e de calidade, de vinculación co territorio e de mellora do benestar social, polo que resulta procedente facilitar a súa consolidación como un dos factores que pode permitir a existencia de estruturas permanentes de emprego de calidade. A consolidación das entidades de economía social é crucial, motivo polo que se fai necesario fortalecer a súa actividade mediante axudas que apoien a súa consolidación.

En concreto, este programa ten como finalidade apoiar a consolidación das entidades da economía social, así como reforzar a súa presenza no tecido económico de Galicia, con especial incidencia na transformación dixital e na mellora da eficiencia enerxética, contribuíndo ao impulso da súa actividade económica, incrementando a súa competitividade e, en definitiva, mantendo empregos de calidade.

Máis polo miúdo, poderanse acoller a estas axudas as seguintes entidades da economía social: sociedades cooperativas, sociedades laborais, empresas de inserción e centros especiais de emprego. Ademais, os conceptos subvencionables son o equipamento informático; a adquisición e desenvolvemento de software e páxinas web; márketing, comunicación ou relanzamento comercial; mellora na eficiencia enerxética; adquisición de equipament;, reforma do local de negocio; mobiliario; obtención de certificacións de calidade; creación e desenvolvemento da imaxe corporativa da entidade; e plan de protección de datos. 

En canto á contía das axudas, será equivalente ao 80% do custo total dos gastos subvencionables, co límite de 3.000 euros para cada un dos gastos incluídos en márketing, comunicación ou relanzamento comercial; obtención de certificacións de calidade; creación e desenvolvemento da imaxe corporativa da entidade; e plan de protección de datos. Compre lembrar tamén que o límite máximo das axudas establécese en 20.000 euros por cada entidade solicitante. 

O período de execución de accións abranguerá desde o 1 de novembro de 2021 ata o 31 de outubro de 2022. No que respecta as solicitudes ao programa presentaranse a través da sede electrónica da Xunta e o prazo de presentación comezará a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 30 de setembro de 2022, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.