APE-Galicia - Servizos

Praza de España, 1 – 1º Esq. – Ofic. 1 | 36002 – PONTEVEDRA
Telf.: 986891657 | Fax: 986891657
Inicio » Listado de noticias » O director xeral de comerci...

Img_20220525_101444

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, pon en valor a dinamización comercial na presentación das axudas para a transformación dixital e modernización do sector comercial e artesanal na sede de APE Galicia

A sede de APE Galicia en Pontevedra acolleu esta mañá a presentación das axudas para a transformación dixital e modernización do sector comercial e artesanal, da man de Manuel Heredia Pérez, director xeral de Comercio e Consumo da Xunta de Galicia, acompañado pola subdirectora de Comercio, Marta López, e a xefa do servizo de Promoción Comercial e Artesanía, Laura Fontenla.

No acto, o presidente de APE Galicia, José Ramón Caldas, agradeceu ás persoas asistentes e amosou o seu orgullo por ser a cabeza visible da Asociación. Ademais, Caldas tamén fixo un chamamento á Xunta de Galicia e tendeu a súa man para impulsar e apoiar o comercio pequeno e familiar que “pouco a pouco se afunde”. Pola súa banda, Heredia Pérez sinalou que “somos plenamente conscientes de que o sector comercial está desactualizado” e adiantou que están a traballar “nun programa formativo integral para o sector do comercio que esperamos que vexa a luz en breve”. “Dende a Xunta de Galicia estamos proporcionando ás ferramentas para afrontar esa transformación do pequeno comercio”, indicou, “estamos facendo grandes esforzos no ámbito da dinamización comercial é na diferenciación de cada negocio para así atraer máis clientes”.

Durante a presentación Manuel Heredia e Marta López explicaron que a finalidade destas axudas, dirixidas a comerciantes retallistas e obradoiros artesanais, é dar impulso e modernizar ao sector comercial galego para que poida aproveitar as oportunidades tecnolóxicas que existen na actualidade, mellorando desta maneira a conexión co cliente. Ademais, o director xeral de Comercio e Consumo resaltou o éxito destas subvencións que cada vez xeran máis interese e que na última edición solicitaron ata 800 comerciantes.

Máis polo miúdo, este programa de subvencións, que este ano conta cun orzamento de 6 millóns de euros e ten aberto o prazo de solicitude ata o 23 de xuño, está dividido dúas liñas que son a liña de dixitalización comercial e a liña de modernización comercial. No que respecta á liña de dixitalización comercial, existen dous módulos de actuacións subvencionables en función do grao de dixitalización do comercio e están dirixidos a obradoiros artesáns e comerciantes retallistas con tenda física, e tamén a comerciantes sen tenda física.

Neste eido, Heredia explicou que se divide en dous módulos para que “a dixitalización se faga dunha forma progresiva e acorde ás necesidades de cada comerciante”. Ademais, o director xeral de Comercio e Consumo indicou que  a realización dunha enquisa a nivel autonómico ás asociacións de comerciantes amosou “un grado de dixitalización moi baixo” e, por iso, “é importante dar as ferramentas necesarias para trasladar o que teñen en físico ao virtual”. En canto á liña de modernización comercial, para obradoiros artesáns e comerciantes retallistas con tenda física, está destinada á adquisición de equipamento e conta cun investimento de 7.000 euros.

A recente crise sanitaria da COVID-19 e o crecemento do mundo tecnolóxico fan cada vez máis imprescindible a implantación e impulso da estratexia dixital nas pequenas e medianas empresas e, neste caso concreto, no sector comercial e artesanal, para poder adecuarse á nova realidade e introducir novas tecnoloxías.