APE-Galicia - Servizos

Praza de España, 1 – 1º Esq. – Ofic. 1 | 36002 – PONTEVEDRA
Telf.: 986891657 | Fax: 986891657
Inicio » Listado de noticias » A mesa do emprego autÓnomo ...

Fotoeditada

A MESA DO EMPREGO AUTÓNOMO REÚNESE PARA COÑECER OS PROGRESOS NA ELABORACIÓN DO III PLAN DE RESCATE DA XUNTA DE GALICIA

O Terceiro Plan de Rescate da Xunta de Galicia para persoas traballadoras autónomas e empresas de todos os sectores afectados polas medidas restritivas aprobadas para facer frente a crise sanitaria xurdida pola pandemia, foi o tema central da nova reunión da Mesa do Emprego Autónomo convocada pola conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana.

José Ramón Caldas, presidente de APE Galicia, xunto con Sonia Acuña, secretaria xeral, participaron nesta xuntanza que se levou a cabo a través de videoconferencia e á que tamén asistiron a directora Xeral Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, e os representantes de ATA Galicia e Agtamar UPTA, como membros da Mesa.

Segundo informou a conselleira, o deseño deste novo paquete de axudas directas segue os criterios do Segundo Plan de Rescate, adaptándose ás medidas impostas polo Real Decreto-lei 5/2021, de 12 marzo, de medidas extraordinarias de apoio a solvencia empresarial en resposta a pandemia da Covid-19.

O Goberno central concedeu á Comunidade Autónoma de Galicia máis de 234 millóns de euros que a Consellería de Emprego e Igualdade prevé destinar a dous programas de apoio tanto a persoas traballadoras autónomas e empresas de ata 25 persoas traballadoras, como a empresas de máis de 25 persoas traballadoras.

O orzamento esgotaríase na súa totalidade, xa que a Xunta de Galicia pretende chegar ao 97% do tecido produtivo galego con estas axudas, polo que se sobrase diñeiro nun dos programas pasaríase ao outro.

Unha das novidades deste plan radicaría en que non sería preciso que as empresas tiveran domicilio fiscal en Galicia pero si que contaran con centros de traballos fixos na comunidade para poder optar ás cuantías económicas.

Ademáis, debido ao estipulado no Real Decreto-lei, os beneficiarios non poderían destinar a axuda concedida neste plan a saldar as súas débedas pendentes coa Seguridade Social e a Axencia Tributaria, como si estaba estipulado no anterior plan de rescate.

Por outra banda, en canto aos requisitos, APE Galicia mostrouse a favor de esixir o mantemento da actividade ata o 30 de xuño de 2022, sempre é cando queden aclaradas nas bases as penalizacións ás que se terían que ater se non se cumprise, pero non estivo de acordo de comprometer ás empresas a manter o emprego nese mesmo período de tempo.

 

A intención do departamento que dirixe María Jesús Lorenzana é a de acadar, unha vez máis, un consenso entre os axentes económicos e sociais coa administración para poder aprobar as bases definitivas deste Terceiro Plan de Rescate que, tamén, están pendentes da resposta do Goberno central a unha serie de consultas realizadas sobre algunhas posibles condicións, como sería o caso da porcentaxe da baixada de facturación aceptada.

Consciente das necesidades dos sector nesta situación tan crítica, a pesar de que xa se pagaron o 78% das axudas do segundo plan e se espera que quede totalmente liquidado na próxima semana, Lorenzana ten a intención de aprobar en canto lle sexa posible a orde definitiva coa que poder satisfacer tanto os pagos a provedores e acredores como os custos fixos dos beneficiarios.

Ademáis, a Consellería de Emprego e Igualdade está ultimando outras liñas de actuación para colaborar na recuperación económica, como a dixitalización das persoas traballadoras autónomas das que informaran proximamente.

Pola súa parte, APE Galicia ten previsto realizar unha webinar informativa, previsiblemente o próximo venres 21 de maio, para analizar as liñas de actuación deste III Plan de Rescate, e que anunciará a través da súas redes sociais e na súa páxina web www.apegalicia.es, así como polos medios de comunicación.

  • Fotoeditada