APE-Galicia - Servizos

Praza de España, 1 – 1º Esq. – Ofic. 1 | 36002 – PONTEVEDRA
Telf.: 986891657 | Fax: 986891657
Inicio » Listado de noticias » Aprobadas as novaciÓns para...

Novaciondeudasigape

APROBADAS AS NOVACIÓNS PARA O REFINANCIAMENTO DE DÉBEDAS CO IGAPE (2021)

Obxecto

Regular as condicións, os límites e os procedementos para a tramitación das solicitudes de novación de préstamos para o refinanciamento de débedas co Igape; e convocar para o ano 2021 as devanditas operacións de refinanciamento.

 Persoas beneficiarias

Persoas físicas e/ou xurídicas que cumpran algún dos seguintes requisitos:

·          Ser titulares de débedas vivas co Igape por préstamos en vigor, que presenten dificultades de liquidez que non lles permiten afrontar as obrigas de pagamento co calendario actual do préstamo.

·         Ser titulares de débedas co Igape derivadas da falta de pagamento de préstamos xa vencidos.

·         Ser fiadoras de préstamos do Igape con débedas vencidas.

·         Ser titulares de bens que garantan débedas vencidas co Igape, derivadas da falta de pagamento de préstamos, e pretendan facer fronte ao reembolso das débedas para evitar a perda do ben.

Orzamento

O importe asignado é de 18 millóns de euros, distribuidos plurianualmente en:

-       Ano 2021: 10 millóns de euros.

-       Ano 2022: 8 millóns de euros.

Modalidades

En función da situación da débeda que se vai novar, as operacións revestirán as seguintes modalidades:

1.    Novación modificativa e, se é o caso, extintiva, de préstamos en vigor, para axustar o calendario de reintegro á capacidade de reembolso do titular. En todo o non modificado na novación, mantense vixente o establecido no contrato inicial de préstamo.

2. Novación extintiva de préstamos vencidos, ou das cotas ou cantidades impagadas de préstamos en vigor. Poderán formalizarse tanto cos titulares iniciais como cos garantes ou fiadores, ou cos titulares de bens que garantan a débeda. En todos os casos, suporá a formalización dun nova operación.

As solicitudes serán resoltas por orde de entrada de solicitudes completas no Igape, ata a total utilización do orzamento de convocatoria, en réxime de concorrencia non competitiva.

Requisitos

1)     PRAZO E AMORTIZACIÓN

·         Novacións modificativas de préstamos en vigor, poderá ampliarse a vixencia dos préstamos ata o máximo de 25 anos establecido no Decreto 133/2002, e poderán preverse periodicidades de amortización e de liquidación de xuros diferentes ás establecidas inicialmente, así como incluír períodos de carencia intermedios e/ou adicionais.

·         No caso de novacións extintivas, dentro do prazo máximo dos 25 anos fixado no Decreto 133/2012, axustaranse os prazos e cadros de amortización á capacidade financeira e de reembolso dos titulares, de forma que se facilite o reintegro e a recuperación dos importes debidos ao erario público autonómico, conforme un plan económico-financeiro que deberá achegar a solicitante.

·         A prestameira terá a facultade de proceder ao reembolso total ou parcial anticipado do préstamo, mediante a notificación dirixida ao Igape cun aviso previo mínimo de 15 días hábiles.

·         As novacións concedidas poderán incluír cláusulas de amortización anticipada obrigatoria en función de determinadas circunstancias que melloren a liquidez da prestameira. A inclusión destas cláusulas e a súa cuantificación estará fundamentada no plan financeiro achegado pola solicitante.

·         Os prazos de formalización das operacións serán os establecidos nos correspondentes acordos de concesión, sen que poidan exceder o 30 de setembro de 2022

2)    CONTÍAS FINANCIABLES

Poderá novarse o importe total das cantidades debidas, que pode incluír os xuros e os demais conceptos devindicados ata a data da formalización, momento no cal quedará fixado o importe da operación e o cadro de amortización definitivo.

3)    GARANTÍAS

Contarán coas garantías adecuadas en función das características da operación, que a realizará o Igape.

4)    XUROS

·         Xuros ordinarios. As novacións que o Igape conceda ao abeiro destas bases devindicarán un tipo de xuro que permita excluír a presenza de axuda de estado. Para iso, o Igape percibirá xuros adaptados á cualificación do risco e das garantías tomadas, realizando un estudo dunha cualificación de risco da solicitante encadrada nunha das categorías «excelente (AAA-A)», «boa (BBB)», «satisfactoria (BB)», «deficiente (B)», ou «mala/dificultades (CC)»- e constituindo tres niveis de colateralización: «alta», «normal» e «baixa».

O tipo de xuro ordinario será a suma do tipo base máis a marxe, que serán determinados conforme os seguintes métodos:

-       Tipo base: determinarase con base na media do Euríbor a 1 ano rexistrado en setembro, outubro e novembro do ano anterior ao da concesión. O tipo base fixado deste xeito entrará en vigor a partir de xaneiro do ano seguinte.

-       Marxe: determinarase, para cada operación, con base na súa cualificación do risco e das garantías presentadas, consonte a táboa do artigo 3 das bases.

Para os prestameiros que non teñan un historial crediticio, ou unha cualificación baseada unicamente nun enfoque de balance de situación (empresas constituídas cun obxectivo específico ou as empresas de nova creación), a marxe será polo menos de 4 puntos porcentuais. En caso de sociedades integradas en grupos, a marxe aplicable a unha empresa nunca podería ser inferior á que sería aplicable á empresa matriz.

·         Xuros de mora. En caso de atraso no pagamento dalgunha das sumas debidas en virtude dos contratos de préstamo que se formalicen, a prestameira incorrerá de pleno dereito en mora sen necesidade de requirimento previo e estará obrigada a pagar sobre a suma vencida o tipo de xuro ordinario do período máis 6 puntos porcentuais anuais. Os devanditos xuros liquidaranse coincidindo co seguinte vencemento trimestral de xuros.

5)    CONTRATOS

Os contratos mediante os cales se formalicen as novacións someteranse ao dereito privado, aínda cando a débeda a favor do Igape por razón destas operacións terá a cualificación de crédito de dereito público.

Motivos de denegación

·         Falta de capacidade de reembolso da solicitante para a operación regulada nestas bases.

·         Non superar a puntuación mínima na cualificación do risco de crédito realizada polo Igape.

·         Falta de coherencia do calendario proposto co plan financeiro da solicitante.

·         Vontade inxustificada de subordinación do reembolso da débeda co Igape fronte ao pagamento a outros acredores ou outras aplicacións dos recursos financeiros dispoñibles.

·         Falta de asunción de compromisos que puidesen ser razoablemente exixibles, tales como o mantemento de actividades, emprego, etc.

·         O menoscabo da solvencia da parte debedora ou avalista.

·         Cando da análise do risco e do plan económico financeiro presentado non se infira a necesidade de novar a débeda..

Solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes, que será obrigatoriamente por medios electrónicos, comezará o 14 de abril de 2021 e rematará o 30 de decembro de 2021 ou cando se se esgote o crédito orzamentario, se non é ampliado polo director do Igape.

Para presentar a solicitude, deberase cubrir un formulario electrónico descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto de financiamento a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es, dentro do prazo establecido na convocatoria, achegando a documentación específica requerida e, complementariamente, o Igape poderá solicitar a achega daqueloutra documentación xustificativa.

Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación da empresa ou entidade solicitante.

 

Máis información

Igape - Instituto Galego de Promoción Económica

www.igape.es

 

Normativa

-       RESOLUCIÓN do 26 de marzo de 2021 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das novacións para o refinanciamento de débedas co Instituto, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG534D).

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210413/AnuncioO92-050421-0001_gl.html

  • Novaciondeudasigape