APE-Galicia - Servizos

Praza de España, 1 – 1º Esq. – Ofic. 1 | 36002 – PONTEVEDRA
Telf.: 986891657 | Fax: 986891657
Inicio » Listado de noticias » A consellerÍa de sanidade a...

Rebajasmedidas

A CONSELLERÍA DE SANIDADE ACTIVA O PLAN DA HOSTALARÍA SEGURA

Publicada no DOG a ORDE do 25 de febreiro de 2021 da Consellería de Sanidade, pola que se establecen as actuacións necesarias para a posta en marcha do Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia.

Este plan nace do compromiso da Xunta de Galicia cos representantes do sector hostaleiro galego de reactivación segura que se fundamentará en tres piares básicos: acadar a máxima seguridade no acceso aos establecementos, o máximo seguimento de posibles gromos e posibilitar o máximo control no cumprimento das disposicións sanitarias vixentes.

Capacidades máximas e responsabilidades

Os establecementos deberán declarar e manter accesible ao público e á autoridade sanitaria a súa capacidade máxima, interior e exterior, sendo responsables das capacidades máximas que declare e de controlar que sexan respectadas.

Capacidade interior e porcentaxe máxima de uso

-       Capacidade interior do establecemento: superficie interior, en metros cadrados (excluíndo os aseos, á barra e zona interior da barra) dividida entre 1,5 (distancia mínima de seguridade por persoa usuaria).

A capacidade interior obtida a través deste cálculo non poderá ser superior á capacidade máxima establecida no correspondente título habilitante de carácter municipal. Nese caso, prevalecerá a capacidade consignada na licenza municipal.

-       Porcentaxe máxima de uso: A capacidade interior aplicaráselle a porcentaxe máxima de uso que estableza en cada momento a autoridade sanitaria.

Capacidade exterior e porcentaxe máxima de uso

-       Capacidade exterior do establecemento: superficie de terraza establecida no correspondente título habilitante de carácter municipal.

-       Porcentaxe máxima de uso: a capacidade exterior aplicarase a porcentaxe máxima de uso que estableza en cada momento a autoridade sanitaria.

Información para as persoas usuarias

Obriga de dispor nun lugar visible do acceso, preferentemente na porta de entrada, dun cartel que sexa de doada lectura con información actualizada, debéndose utilizar os modelos de cartel postos á disposición para a súa impresión na páxina web https://coronavirus.sergas.gal/.

Información:

Para o interior, debe aparecer a capacidade máxima permitida en condicións normais, a porcentaxe máxima de uso interior establecida pola autoridade sanitaria e capacidade máxima interior permitida en cada momento en función da aplicación da porcentaxe máxima de uso establecida pola autoridade sanitaria.

Para o exterior, a capacidade máxima exterior permitida en condicións normais, o porcentaxe máxima de uso exterior establecida pola autoridade sanitaria e a capacidade máxima exterior permitida en cada momento en función da aplicación da porcentaxe máxima de uso establecida pola autoridade sanitaria.

Regras básicas sobre disposición de mobiliario

Para facilitarlles ás persoas usuarias e traballadoras do establecemento o cumprimento das regras de capacidade e porcentaxe máxima de uso, así como para garantir as distancias mínimas de seguridade persoal, tanto no interior coma no exterior, as mesas e cadeiras montadas deberán corresponderse coas capacidades permitidas en condicións normais e procederase a inutilizar, mediante bandas ou adhesivos, as mesas e cadeiras que sexa necesario.

Rastrexabilidade

A persoa titular do establecemento obterá un código QR na páxina web https://coronavirus.sergas.gal/, para que os usuarios poidan rexistrar a súa presenza nel a través da aplicación da Xunta de Galicia Passcovid. En caso de non dispor da aplicación Passcovid, o local terá QR personalizados para entregarlles aos usuarios e que permitan a súa rastrexabilidade en caso de detección de casos positivos. 

Seguimento e inspección

Establecemento dun plan de control e inspección autonómico e o desenvolvemento de actuacións de control e inspección municipais, coa colaboración das forzas e corpos e forzas de seguridade no seu control e inspección, impulsando a coordinación entre os distintos corpos existentes que garantan a efectividade da implantación das medidas acordadas.

Para o desenvolvemento das súas competencias de control sanitario, os concellos poderán solicitar o apoio técnico do persoal e os medios das autoridades sanitarias autonómicas.

Establécense os seguintes obxectivos cuxo cumprimento queda condicionado, en todo caso, ás necesidades operativas e á dispoñibilidade de medios das forzas e corpos de seguridade actuantes:

a) Concellos sen Policía local ou con tres ou menos efectivos en activo: preferentemente unha visita semanal por local de hostalaría, pola Policía local ou, de ser o caso, a través da colaboración e do apoio das demais forzas e corpos de seguridade.

b) Concellos con Policía local de ata 20.000 habitantes, con máis de tres efectivos en activo: preferentemente dúas visitas semanais por local de hostalaría, pola Policía local.

c) Concellos con Policía local de máis de 20.000 habitantes: preferentemente dúas visitas semanais por local de hostalaría, pola Policía local. Estableceranse, así mesmo, medidas de especial vixilancia as fins de semana e os días festivos.

O obxecto destas visitas será de control e a comprobación do cumprimento, por parte do establecemento, das seguintes medidas:

a) Que teñen exposta, no exterior do local, a capacidade máxima permitida, nun lugar facilmente visible tanto para clientes como para os órganos inspectores, de acordo cos modelos de cartelaría postos á súa disposición polas autoridades sanitarias.

b) Que se cumpre a porcentaxe máxima de capacidade establecida especificamente en cada momento durante a situación da pandemia, así como as regras establecidas en canto á prohibición de uso de barras e ocupación máxima das mesas.

c) Que a apertura e o peche do establecemento están dentro do horario establecido.

d) Que os clientes e empregados do local cumpren coas medidas de seguridade interpersoal en canto ás distancias e ao uso das máscaras.

No suposto de incumprimento das medidas de prevención, os axentes dos corpos e forzas de seguridade poderán adoptar de forma directa, logo de requirimento ás persoas responsables do local e no caso de que este non for atendido, as seguintes medidas e co cumprimento dos requisitos que estas normas establecen:

a) A suspensión inmediata do espectáculo ou actividade e o desaloxo e precintaxe dos establecementos abertos ao público.

b) Aqueloutras medidas que se consideren necesarias, en atención ás circunstancias concorrentes en cada caso, para garantir a seguridade das persoas e os bens e a convivencia entre a cidadanía, e que garden a debida proporción en atención aos bens e dereitos obxecto de protección.

Entenderase que concorre un perigo grave e inminente para as persoas nos casos de incumprimento das seguintes medidas de prevención:

a) Incumprimento xeneralizado no establecemento ou na actividade das distancias de seguridade interpersoal, xa sexa por unha deficiente organización dos espazos ou polo incumprimento da organización existente.

b) Incumprimento da obrigación do uso adecuado das máscaras por parte do persoal, clientes ou público asistente, cando non sexa meramente singular, puntual ou episódico.

c) Presenza no establecemento ou espazo aberto ao público de persoas con sintomatoloxía compatible co COVID-19.

d) Presenza no establecemento ou espazo aberto ao público de traballadores ou público asistente sometidos a obrigas de illamento ou corentena.

e) Incumprimento grave das medidas de limpeza e desinfección.

f) Incumprimento das medidas relativas á capacidade máxima dos establecementos ou espazos.

g) Existencia de aglomeracións de persoas no interior ou no exterior dos establecementos ou espazos.

h) Incumprimento das medidas relativas a agrupacións máximas de persoas nas mesas ou agrupacións de mesas.

Eficacia

As medidas previstas nesta orde terán efectos a partir das 00.00 do 26 de febreiro de 2021, excepto as medidas en canto á obriga de dispor dun cartel e obter un código QR ou de dispor dun código QR personalizado que terán efectos a partir das 00.00 horas do día 5 de marzo de 2021, polo que as actuacións de control que con anterioridade se efectúen se limitarán a informar da súa exixibilidade a partir da indicada data.

En cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, as medidas previstas nesta orde serán obxecto de seguimento e avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

 

Normativa

Consellería de Sanidade

– ORDE do 25 de febreiro de 2021 pola que se establecen as actuacións necesarias para a posta en marcha do Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/excepcional/2021/20210225/2572/AnuncioC3K1-250221-1_gl.html

 

  • Rebajasmedidas