APE-Galicia - Servizos

Praza de España, 1 – 1º Esq. – Ofic. 1 | 36002 – PONTEVEDRA
Telf.: 986891657 | Fax: 986891657
Inicio » Listado de noticias » Últimos dÍas para solicitar...

Programa_de_relevo_generacional

ÚLTIMOS DÍAS PARA SOLICITAR AS AXUDAS PARA O RELEVO XERACIONAL E PARA UNHA SEGUNDA OPORTUNIDADE

O próximo 1 de outubro, remata o prazo de solicitude das axudas dos novos programas de apoios da Xunta para facilitar aos autónomos a remuda xeracional e unha segunda oportunidade.

Relevo Xeracional

A axuda da Consellería de Economía, Emprego e Industria destinada a facilitar a transmisión nos negocios dos traballadores por conta propia próximos á xubilación, busca a realización dunha remuda xeracional ordenada nos negocios dos autónomos. Na actualidade, máis do 30% dos autónomos galegos se sitúa por riba dos 55 anos.

A través desta actuación, a persoa transmisora e a persoa adquirente do negocio teñen unha axuda coa que se financia o 100 % dos gastos de asesoramento cun límite de 1000 euros para a persoa transmisora e de 1500 euros para o adquirente.

No caso de que o negocio teña varias persoas donas, finánciase o 100 % dos gastos de asesoramento cun límite de 1000 euros por negocio. Se o negocio ten varias persoas adquirentes para explotalo conxuntamente a axuda é de 1500 euros por actividade. Na solicitude debe indicarse se a axuda se pide como persoa transmitinte do negocio ou como persoa adquirente.

O asesoramento poderá ser efectuado por empresas, entidades ou profesionais adicados ao asesoramento e polas asociacións de traballadores autónomos.

Este programa, consensuado co sector, ofrece asesoramento no traspaso da actividade económica se a persoa traballadora conta con 63 anos ou máis, debendo levar máis de 48 meses de alta no Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA); se ten unha declaración de incapacidade total ou absoluta (incluíndo grande invalidez) recoñecida polos órganos competentes da Seguridade Social; ou se trata dun herdeiro no caso de falecemento do titular da empresa. Do que se trata é de facilitar a intermediación para identificar as condicións óptimas do traspaso e para facilitar os plans de formación do novo autónomo.

No caso de autónomos societarios, a transmisión das accións ou participacións debe supoñer o control da sociedade por parte do adquirente, é dicir, posuír máis do cincuenta por cento das accións ou participacións da sociedade.

As actuacións deste novo programa de axudas compleméntanse coa web da Oficina do Autónomo, onde hai un espazo habilitado para a publicación das ofertas de adquisición e transmisión de negocios. A través desta oficina virtual os interesados tamén poden poñerse en contacto e tanto a persoa transmisora como adquirente poden inscribirse no programa de remuda xeracional.

Segunda oportunidade

Con respecto ao programa para a unha segunda oportunidade, a Consellería de Economía, Emprego e Industria inviste 1 millón de euros para beneficiar aos traballadores por conta propia que queiran reemprender un negocio sempre que adquiran un compromiso de formación. As axudas, polo tanto, van dirixidas a aqueles que cesaron a súa actividade económica por causas económicas e agora desexan unha volta ao emprendemento.

Os beneficiarios destas axudas son as persoas que se dean de alta no réxime especial de traballadores autónomos (RETA), en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional no período do 1 de xaneiro ao 30 de setembro de 2018 ou cesasen con anterioridade na súa actividade causando baixa na Seguridade Social ou na mutualidade correspondente e no imposto de actividades económicas (IAE) por causas económicas.

A presentación da inscrición supón un compromiso de emprendemento e de formación de polo menos 60 horas.

Esta liña de axudas, polo tanto, céntrase na formación para que os beneficiarios poidan afrontar a nova actividade con todas as garantías. Inclúe, deste xeito, un bono específico para a cualificación de ata 2000 euros e un de apoio de 3000 euros para investimentos que permitan afrontar as novas necesidades. Estas axudas son compatibles con outros programas que a Xunta ten a disposición deste sector a través da Estratexia Autónomo 2020.

A Rede de Mentoring do Igape poderá, ademais, colaborar coas persoas beneficiarias desta axuda.

As dúas iniciativas da Xunta, tanto o programa para facilitar a remuda xeracional como o dirixido a favorecer unha segunda oportunidade, enmárcanse na Estratexia Autónomo 2020, un conxunto de 20 medidas que para este ano volve a contar nos orzamentos con 40M€ para seguir favorecendo o labor deste colectivo e complementar así as medidas do Estado. 
 
  • Programa_de_relevo_generacional
  • Programa_segunda_oportunidade