APE-Galicia - Servizos

Praza de España, 1 – 1º Esq. – Ofic. 1 | 36002 – PONTEVEDRA
Telf.: 986891657 | Fax: 986891657
Inicio » Listado de noticias » Programa da segunda oportun...

PROGRAMA DA SEGUNDA OPORTUNIDADE PARA AUTÓNOMO

Hoxe sae publicada no DOG a ORDE do 17 de xullo de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa da segunda oportunidade das persoas autónomas, e se procede a súa convocatoria para o ano 2018 (código de procedemento TR341T).

1.      Obxecto das bases reguladoras

Estas bases teñen por obxecto fixar os criterios e requisitos para a concesión de axudas do Programa da segunda oportunidade das persoas autónomas, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

2.      Persoas beneficiarias e requisitos

Serán persoas beneficiarias das axudas deste programa as persoas que se dean de alta no réxime especial de traballadores autónomos (RETA) ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional no período do 1 de xaneiro ao 30 de setembro de 2018, cesasen con anterioridade na súa actividade causando baixa na Seguridade Social ou na mutualidade correspondente e no imposto de actividades económicas (IAE) por causas económicas e cumpran os seguintes requisitos na data da solicitude ou data de inicio de actividade segundo o modelo 036 ou 037 para as persoas que xa se desen de alta antes da solicitude:

a) Que o cesamento da actividade se producise con seis meses de antelación polo menos.

b) Que teña cotizado ininterrompidamente polo menos durante 18 meses nos últimos 5 anos ou de xeito alterno 36 meses nos últimos 10 anos no réxime especial de traballadores autónomos (RETA) ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional.

c) Estar inscrito como demandante de emprego nos servizos públicos de emprego polo menos 6 meses seguidos. Carecer de ocupación efectiva e non ter contrato laboral en vigor segundo informe de vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e atoparse en tal situación na data de inicio da actividade laboral.

d) Darse de alta no réxime especial de traballadores autónomos (RETA) ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional desde o 1 de xaneiro de 2018 ata o 30 de setembro de 2018.

e) Realizar unha formación de, como mínimo, 60 horas sobre formación xerencial, xestión comercial ou financeira, marketing dixital ou sobre materias que teñan relación directa co negocio que se vai emprender e así se xustifique.

f) Que as persoas desempregadas teñan o domicilio fiscal nalgún concello de Galicia e desenvolvan a súa nova actividade económica ou profesional en Galicia.

3.      Axudas

1. As axudas consistirán en:

a) Bono apoio: concederase unha axuda de 3.000 € ás persoas que estivesen máis de 6 meses seguidos inscritas como demandantes de emprego nas oficinas do Servizo Público de Emprego antes da data de solicitude ou da data de alta no réxime especial de traballadores autónomos (RETA) ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional para persoas que se deron de alta no 2018 antes da entrada en vigor da orde.

b) Bono formación: a persoa beneficiaria recibirá unha axuda de ata 2.000 € para realizar un mínimo de 60 horas de formación nas seguintes materias: formación xerencial, xestión comercial ou financeira, marketing dixital ou sobre materias que teñan relación directa co negocio que se vai emprender e así se xustifique. Esta formación poderá ser impartida por entidades públicas ou privadas e deberá estar finalizada dentro do período subvencionable.

Este período subvencionable será dun mes como máximo desde que se desen de alta no réxime especial de traballadores autónomos (RETA) ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional e para altas anteriores á entrada en vigor desta orde a xustificación deberá facerse no prazo de dous meses como máximo desde a entrada en vigor da orde.

O gasto orixinado deberase producir no período subvencionable, que será desde o 1 de xaneiro de 2018 ata a finalización do período de xustificación, e deberá ser efectivamente xustificado, mediante certificado de asistencia e as facturas e documentos bancarios acreditativos do seu pagamento, con anterioridade á finalización do período de xustificación.

A axuda máxima total será de 5.000 €.

2. A Rede de Mentoring do Igape poderá colaborar coas persoas beneficiarias desta axuda na mellor definición do seu novo emprendemento, en función dos seus criterios organizativos.

 

4.      Solicitudes e prazo de presentación

1. As solicitudes deberanse presentar obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na cal fose realizada a emenda.

Para presentar as solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG. A presentación da solicitude supón un compromiso de emprendemento e de formación de polo menos 60 horas.

3. Para garantir que as persoas que carecen de medios para relacionarse telematicamente coa Administración, de acordo co previsto no artigo 13.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, poidan presentar no rexistro electrónico a solicitude referente a este procedemento a persoa solicitante poderá contar, entre outros, coa asistencia efectiva da Rede de técnicos de emprego de Galicia da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

5.      Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento.

1. As solicitudes deberanse presentar nos modelos normalizados que figuran como anexos numéricos desta orde e deberán ir acompañadas da documentación que se relaciona:

a) Declaración responsable de que o cesamento na actividade como persoa traballadora autónoma ou mutualista foi por motivos económicos.

b) Modelo anexo II xunto coas facturas pro forma ou orzamentos dos cursos que se van realizar, no caso de estar efectivamente pagadas, facturas e xustificante bancario do seu pagamento.

c) Se xa se deu de alta no momento da presentación, modelo de alta no censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal de Administración Tributaria (modelo 036 ou 037).

d) Cando se actúe mediante representación, poder suficiente da persoa representante para actuar en nome da persoa representada.

e) Certificado de baixa como mutualista e certificado do tempo que pasou na situación de mutualista, se é o caso.

f) Se xa se deu de alta no momento da presentación, certificado de alta como mutualista, de ser o caso.

2. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A documentación complementaria presentarase por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica.

Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón deles.

 

Para máis información:

 https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180730/AnuncioG0424-170718-0002_gl.pdf