ESTE ANO, DENTRO DAS AXUDAS DESTINADAS A ACCIÓNS DE FOMENTO DA PREVENCIÓN DE RISCOS LABORAIS CONTEMPLASE UNHA LIÑA PARA ADAPTACIÓN , SUBSTITUCIÓN OU ADQUISICIÓN DE EQUIPAMENTOS DE TRABALLO PARA A PREVENCIÓN.
O Diario Oficial de Galicia publica o día 3 de xullo a ORDE na que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a acción formativas de fomento da prevención de riscos laborais e se procede á súa convocatoria na comunicade Autónoma de Galicia no exercicio de 2018.
O fin último é levar a cabo acción de formación, sensibilización, asesoramento e fomento da prevención de riscos laborais en Galicia. Este ano, a diferencia dos anteriores, dispóñense 3 liñas de actuación:
Liña 1. Formación e actividades de asesoramento e sensibilización en materia de prevención de riscos laborais de carácter intersectorial.
Liña 2. Formación e outras actividades de fomento en materia de prevención de riscos laborais de carácter sectorial. As axudas desta liña están destinadas a cursos de formación sectoriais e á realización de xornadas de sensibilización de carácter sectorial.
Liña 3. Investimentos destinados a accións de mellora na adaptación, substitución ou adquisición de equipamentos de traballo e adaptacións de postos de traballo.

Será nesta última liña, por novidosa e importante, na que nos centremos a explicar máis detalladamente os aspectos máis importantes.
Desta última liña poderán ser beneficiarias as medianas, pequenas empresas e microempresas, así como as persoas traballadoras autónomas con persoas traballadoras ao seu cargo, que teñan o seu domicilio social e polo menos un centro de traballo no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. Así mesmo, para ser beneficiaria, a entidade solicitante non poderá ter unha sanción firme, por infraccións graves ou moi graves, en materia de prevención de riscos laborais nos últimos 3 anos.
En relación ó importe máximo subvencionable, a ORDE di expresamente para a liña 3 que: ningunha empresa poderá percibir unha contía cuxo importe supere o 50 % do custo subvencionable realizado nela, e o límite máximo nunca poderá exceder un total de 15.000 euros. As accións subvencionables e os gastos derivados delas poderán realizarse desde o 1 de xaneiro de 2018 ata o 31 de outubro de 2018 para entenderse como gastos subvencionables.
Serán subvencionables os investimentos en prevención de riscos laborais para uso propio da empresa (exclúense os adquiridos para venda ou alugamento), sempre que a mellora da necesidade preventiva quede reflectida na avaliación de riscos e estea recollida na planificación da actividade preventiva.
Os investimentos poden ser de 3 tipos:
a) Investimentos na mellora da adaptación de máquinas, substitución ou adquisición de equipamentos de traballo:
1º. Mellora na adaptación de máquinas ou equipamentos de traballo que, cumprindo coas disposicións previstas no Real decreto 1215/1997, do 18 de xullo, polo que se establecen as disposicións mínimas de seguridade e saúde para a utilización polos traballadores dos equipamentos de traballo, sexan susceptibles dunha mellora desde o punto de vista da súa maior seguridade.
2º. Mellora na adaptación ou adquisición de máquinas ou equipamentos de traballo, realizada con criterios ergonómicos, co obxecto de previr trastornos musculoesqueléticos. Non son obxecto de subvención o mobiliario nin os accesorios de oficina.
3º. Mellora na adaptación, substitución ou adquisición de máquinas ou equipamentos de traballo ou outras medidas de protección colectiva co obxecto de reducir o risco de exposición a axentes químicos, ao ruído, ás vibracións mecánicas e aos axentes biolóxicos durante o traballo. Non serán subvencionables as modificacións organizativas dos métodos de traballo.
b) Mellora na adaptación de postos de traballo:
A mellora na adaptación de postos de traballo con obxecto de reducir riscos para a maternidade, realizadas con criterios preventivos para a protección do embarazo e da lactación natural, segundo o artigo 26 da Lei 31/1995, de prevención de riscos laborais, así como para a redución de riscos noutros colectivos sensibles claramente identificados na memoria que se presente.
c) Investimentos nos lugares de traballo:
Intervencións nos lugares de traballo destinadas a ofrecer seguridade fronte aos riscos presentes neles, de conformidade cos números 2 a 8 e 13 do anexo I do Real decreto 486/1997, do 14 de abril, polo que se establecen as disposicións mínimas de seguridade e saúde no traballo.
Non serán subvencionables os supostos de: seguridade estrutural, escaleiras de man, vías e saídas de evacuación, condicións de protección contra incendios e instalación eléctrica, orde, limpeza e mantemento, condicións ambientais, iluminación nin servizos hixiénicos e locais de descanso.
Para todos os supostos desta liña:
- Non será subvencionable o imposto sobre o valor engadido (IVE) ou, de ser o caso, os impostos indirectos equivalentes cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación.
- En ningún caso se terán en conta, para a acreditación do investimento, os contratos de arrendamento financeiro nin outras figuras xurídicas afíns que non concedan á persoa ou entidade solicitante o pleno dominio ou titularidade inicial do investimento.
- O tempo de permanencia da máquina na empresa será como mínimo de 3 anos, salvo causas xustificadas e previamente autorizadas pola Administración.
- En ningún caso serán subvencionables aqueles investimentos que sexan unha obriga legal para as empresas solicitantes.
Axudas de minimis
As axudas establecidas na liña 3 desta orde quedan sometidas ao réxime de minimis nos termos establecidos no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L352, do 24 de decembro de 2013). Esta circunstancia farase constar expresamente na resolución de concesión da subvención. Polo tanto, a axuda total de minimis concedida a unha empresa non será superior a 200.000 euros durante o período dos dous exercicios fiscais anteriores e o exercicio fiscal actual da empresa solicitante, ou a 100.000 euros no suposto dunha axuda concedida a unha empresa que opere no sector do transporte pola estrada. Para o cómputo dos límites deste réxime de axudas terase en conta o concepto de «única empresa» establecido no artigo 2 do Regulamento (UE) nº 1487/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013.
Por tratarse de axudas sometidas ao réxime de axudas de minimis, non poderá concederse a empresas dos seguintes sectores:
a) Pesca e acuicultura, segundo se establece no Regulamento (CE) nº 1379/2013, do Parlamento Europeo.
b) Empresas dedicadas á produción primaria dos produtos agrícolas que figuran na lista do anexo I do Tratado.
c) Empresas que operan no sector da transformación e comercialización de produtos agrícolas, nos casos seguintes:
I) Cando o importe da axuda se determine en función do prezo ou da cantidade de produtos deste tipo adquiridos a produtores primarios ou comercializados polas empresas interesadas.
II) Cando a axuda estea supeditada a que unha parte ou a totalidade dela se lles repercuta aos produtores primarios.
d) Actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou Estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e ao funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación.
e) As axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.
O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación no DOG. Se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes e, se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte. Polo tanto, o último día sería o 3 de agosto de 2018.

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:
1. Documentación acreditativa da representación legal
2. Designación dunha única persoa responsable e de contacto co órgano instrutor, para o seguimento e control dos aspectos técnicos de todas as accións incluídas na solicitude, que se identificará no anexo I polo seu nome, teléfono e correo electrónico.
Así mesmo, para as solicitudes para a mellora na adaptación, substitución ou adquisición de equipamentos de traballo e as adaptacións de postosda liña tres, as entidades han de entregar a seguinte documentación:
1. Unha memoria do proxecto, que recolla:
- Os investimentos que vai realizar.
- A actividade a que se dedica a solicitante e o CNAE 2009.
- O cadro de persoal, con indicación do número de persoas traballadoras fixas e temporais, en relación ao mes inmediatamente anterior ao da solicitude.
- O volume de negocios anual e o balance xeral anual do ano 2017.
2. Criterios de valoración, segundo o anexo IV.
3. Orzamento detallado ou factura pro forma. No caso de adquisición de equipamentos de traballo, o orzamento deberá reflectir o obxecto que se vai adquirir e a normativa de aplicación (marca, modelo, UNE, marcación CE).
4. En todo caso deberá achegar o plan de prevención de riscos laborais da solicitante en que se sinale a necesidade da mellora preventiva.
5. Documento acreditativo de que a solicitante comunicou ás persoas representantes legais das persoas traballadoras o plan de prevención e as melloras na adaptación, substitución ou adquisición que se pretenden realizar coa solicitude desta axuda. No suposto de que non haxa representantes legais, a comunicación debe realizarse a todas as persoas traballadoras da empresa. A solicitante deberá acreditar suficientemente a dita comunicación.
Os criterios de valoración para as solicitudes presentadas para a liña 3 son os que se citan a continuación:
1. Tipo de empresa: máximo 3 puntos.
- Microempresa ou persoas autónomas con persoas traballadoras: 3 puntos.
- Pequena empresa: 2 puntos.
- Mediana empresa: 1 punto.
2. Taxa de estabilidade do cadro de persoal da empresa beneficiaria, é dicir, a porcentaxe de persoas traballadoras fixas sobre o total de cadro de persoal da empresa. Máximo 5 puntos.
- Ata un 30 %: 1 punto.
- Máis dun 30 % e ata o 50 %: 2 puntos.
- Máis dun 50 % e ata o 80 %: 4 puntos.
- Máis dun 80 %: 5 puntos.
3. Cando a entidade solicitante pertenza ás seguintes actividades empresariais co CNAE 2009, valorarase con 5 puntos.
- Silvicultura e explotación forestal, CNAE 02.
- Industria da alimentación, CNAE 10.
- Industria da madeira e da cortiza, salvo mobles; cestaría e espartaría, CNAE 16.
- Fabricación de produtos metálicos, salvo maquinaria e equipamento, CNAE 25.
- Fabricación de mobles, CNAE 31.
- Recolla, tratamento e eliminación de residuos, CNAE 38.
- Construción, CNAE 41.
- Enxeñaría civil, CNAE 42.
- Almacenamento e actividades anexas ao transporte, CNAE 52.
4. Incidencia no contorno xeográfico en que se desenvolva a actuación: con 2 puntos no caso de que a entidade teña o domicilio social nun concello rural. Son concellos rurais todos os concellos galegos agás os seguintes: A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Cambre, Culleredo, Ferrol, Narón, Oleiros, Santiago de Compostela, Barbadás, Poio e Vigo.
5. Concederánselle 2 puntos á entidade solicitante que recibira un premio ou mención nos premios RSE Galicia, por superar todas as fases do programa Responsabilízate da Consellería de Economía, Emprego e Industria, ou ben que teña implantado un plan de igualdade, sempre e cando non sexa obrigatorio por así establecelo o convenio colectivo aplicable ou unha norma.
6. Concederánselle 1 punto á entidade solicitante que teña vixente unha certificación ou informe de verificación ou validación de códigos de conduta, normas ou estándares en materia de responsabilidade social empresarial.
Para poder saber máis en relación a esta axuda, preme no seguinte enlace:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180703/AnuncioG0424-180618-0007_gl.html