APE-Galicia - Servizos

Praza de España, 1 – 1º Esq. – Ofic. 1 | 36002 – PONTEVEDRA
Telf.: 986891657 | Fax: 986891657
Inicio » Listado de noticias » Axudas para a conciliaciÓn ...

AXUDAS PARA A CONCILIACIÓN POR MATERNIDADE OU PATERNIDADE DE AUTÓNOMOS

ORDE do 27 de abril de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas para a conciliación por maternidade ou paternidade da persoa traballadora autónoma, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018 (código de procedemento TR341R).

 

OBXECTO

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a convocatoria pública das axudas a persoas traballadoras por conta propia ou autónomas que, unha vez finalizada a súa baixa por maternidade ou paternidade, contraten unha persoa no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento TR341R).

2. Así mesmo, por medio desta orde procédese á convocatoria destas axudas para o ano 2018.

 

ACCIÓN SUBVENCIONABLE E IMPORTE DA SUBVENCIÓN

1. Será subvencionable a contratación realizada por unha persoa traballadora autónoma, unha vez rematada a súa baixa por maternidade ou paternidade, sempre que a persoa beneficiaria cumpra os requisitos establecidos na presente orde.

2. Serán subvencionables as contratacións que, cumprindo cos requisitos enumerados no parágrafo anterior, se realicen entre o 1 de novembro de 2017 e o 30 de setembro de 2018.

3. O importe da subvención para compensar esta contratación será do 100 % da cota empresarial da Seguridade Social, incluída a de accidentes de traballo e enfermidades profesionais correspondente á persoa contratada durante un máximo de dezaseis (16) semanas.

 

PERSOAS E ENTIDADES BENEFICIARIAS

1. Poderán ser beneficiarias destas subvencións as persoas traballadoras que estean dadas de alta no réxime especial da Seguridade Social de persoas traballadoras por conta propia ou autónomos que, segundo o anexo I, teñan o seu centro de traballo (ou domicilio social, no caso de carecer deste) na Comunidade Autónoma de Galicia, que gozasen dunha baixa por maternidade ou paternidade e que, no prazo dos quince (15) días seguintes ao da súa finalización, contraten unha persoa traballadora por conta allea.

2. Tamén serán beneficiarias as sociedades que realicen unha contratación nas mesmas condicións que no parágrafo anterior con respecto aos autónomos societarios

 

REQUISITOS E OBRIGAS DAS PERSOAS BENEFICIARIAS

1. Para ter dereito á subvención, previamente a persoa traballadora autónoma debe ter estado de baixa por maternidade ou paternidade.

2. No prazo dos quince (15) días naturais seguintes ao da finalización da baixa por maternidade ou paternidade débese realizar un contrato de calquera modalidade.

 

3. Estar ao día nas obrigas tributarias coa Administración do Estado e coa Comunidade Autónoma de Galicia, así como coa Seguridade Social.

4. Realizar a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia.

5. Cumprir as obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. A persoa beneficiaria estará obrigada a comunicar, de xeito inmediato, calquera variación ou extinción das condicións que lle deron dereito a percibir estas axudas.

7. Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control de destino das subvencións.

 

PRAZO DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES

1. As solicitudes de axudas polas contratacións subvencionables realizadas entre o 1 de novembro de 2017 e a data da publicación desta orde deberán presentarse no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da publicación da orde.

2. As axudas previstas polas contratacións subvencionables realizadas desde a entrada en vigor desta orde terán o prazo dun mes desde a data da contratación subvencionada.

 

DOCUMENTACIÓN QUE SE DEBE PRESENTAR

A solicitude deberase presentar no modelo que figura como anexo I a esta orde, xunto coa seguinte documentación:

• No suposto de actuar mediante representante, poder suficiente de actuar en nome da persoa ou entidade solicitante.

• Informe de vida laboral do código conta de cotización correspondente ao mes en que se realiza a contratación da persoa traballadora pola cal se solicita subvención.

• Relación nominal de persoas traballadoras e recibo de liquidación de cotización da Tesouraría Xeral da Seguridade Social, xunto co seu pagamento bancario dos meses xa pagados no momento da presentación, referente á persoa contratada obxecto da subvención.

• Resolución da Seguridade Social en que indique o período de baixa por maternidade ou paternidade.

 

PARA MÁIS INFORMACIÓN:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180515/AnuncioG0424-020518-0002_gl.html