PROGRAMA DE FOMENTO E CONSOLIDACIÓN DO EMPREGO NAS PEQUENAS EMPRESAS DE NOVA CREACIÓN
O pasado 18 de xullo, a Consellería de Economía, Emprego e Industria publicou as bases das axudas para o fomento e consolidación do emprego nas pequenas empresas de nova creación.
Deseñáronse catro programas de axudas para tratar de apoiar aos novos empresarios galegos.
1. Subvención á xeración de emprego estable
1. A creación de postos de traballo estables de carácter indefinido, incluídos os das propias persoas promotoras, que sexan ocupados por persoas desempregadas incentivaranse, ata un máximo de dez, cada un deles coas seguintes contías:
A. 4.500 euros, desempregado en xeral.
B. 5.100 euros para muller desempregada, mozo desempregado menor de 30 anos e home desempregado maior de 45 anos.
C. 6.000 euros persoa desempregada pertencente a colectivos en risco ou en situación de exclusión social e persoa desempregada con discapacidade.
Cando a dedicación sexa a tempo parcial, as contías destes incentivos serán proporcionais ao tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, na xornada ordinaria legal.
2. Cando se trate de contratacións indefinidas de persoas traballadoras por conta allea, esta axuda, de ser o caso, será compatible coas bonificacións á Seguridade Social previstas na normativa estatal, sen que ambos os dous beneficios poidan superar o 60 % do custo salarial de dúas anualidades correspondente ao contrato obxecto de subvención.
3. Poderán ser obxecto desta subvención os postos de traballo estables de carácter indefinido creados desde o 1 de xaneiro de 2016 e ata o 30 de setembro de 2016.
2. Subvención para a formación
A subvención para a formación ten por obxecto financiar parcialmente a formación relacionada coas funcións xerenciais da persoa promotora ou empresaria e/ou a formación directamente relacionada coa actividade que van desenvolver, de xeito que estes estudos contribúan á boa marcha da empresa.
Subvencionaranse os cursos e as actividades formativas que a persoa promotora realice para obter e mellorar os seus coñecementos sobre a función xerencial e as actividades formativas directamente relacionadas coa actividade económica en que estea de alta a empresa. Esta formación poderá ser impartida por entidades públicas ou privadas.
O gasto orixinado deberase producir no período subvencionable e deberá ser efectivamente xustificado, mediante certificado de asistencia e as facturas e documentos bancarios acreditativos do seu pagamento, con anterioridade á finalización do período de xustificación establecido na resolución de concesión ou, en todo caso, ata o 20 de decembro de 2016.
A contía da subvención, que só se poderá solicitar unha vez, será de ata o 75 % do custo dos servizos recibidos, cun límite máximo de 3.000 euros polo conxunto dos cursos e actividades de formación recibidas.
3. Subvención para o inicio da actividade
Poderase conceder para o financiamento dos primeiros gastos da actividade unha subvención de ata 3.000 euros por cada emprego subvencionable, ata un máximo de dez, por persoa desempregada en xeral. Para mulleres, mozos menores de 30 anos ou homes maiores de 45 anos a contía desta subvención será de ata 3.600 euros, e para a persoa desempregada con discapacidade e persoa pertencente a colectivos en risco ou en situación de exclusión social a contía será de ata 4.800 euros.
Esta axuda destinarase a sufragar os gastos nos seguintes conceptos: compra de mercadorías, materias primas e outros aprovisionamentos, arrendamento do local, de maquinaria e de equipamentos informáticos, gastos do seguro do local, publicidade e subministracións, excluído o imposto sobre o valor engadido ou, de ser o caso, os impostos indirectos equivalentes cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación. Estes gastos poderán ser subvencionados sempre que as facturas estean estendidas a nome da entidade solicitante, e non sexan emitidas por algún dos promotores da empresa. Exclúense, así mesmo, os impostos e os gastos referidos aos domicilios particulares dalgunha das persoas promotoras.
A través desta axuda serán subvencionables os gastos realizados con posterioridade ao inicio da actividade empresarial e durante o período subvencionable, efectivamente xustificados, mediante facturas e documentos bancarios acreditativos do seu pagamento, con anterioridade á finalización do período de xustificación establecido na resolución de concesión ou, en todo caso, ata o 20 de decembro de 2016.
4. Subvención para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas promotoras
Concederase unha subvención do 75 % do custo dos servizos de gardaría, ata un máximo de 3.000 euros, para aquelas persoas promotoras que teñan fillos ou fillas menores de tres anos.
Beneficiarias:persoas promotoras que creen o seu propio posto de traballo estable e polo cal se obtivese a subvención establecida no artigo 8 desta orde, sexan titulares de familias monoparentais ou nas cales os dous cónxuxes realicen unha actividade laboral e estean dados de alta no correspondente réxime da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional.
Serán subvencionables os gastos da gardaría correspondentes desde os tres meses anteriores ao inicio de actividade ata a fin do período subvencionable, e tendo como data límite máxima o mes de setembro de 2016.
*Incremento dos incentivos*
As contías máximas das axudas para a subvención á xeración de emprego estable reguladas nesta orde incrementaranse nun 15 % por emprego subvencionable, nos casos en que a empresa teña o seu domicilio social e o centro de traballo nun concello rural.
entenderase que o prazo finaliza o último do mes.
O prazo para a presentación de solicitudes remata o 30 de setembro de 2016.
No seguinte enlace poderá acceder ós formularios para presentar a solicitude:
http://www.xunta.gal/dog/Publicados/2016/20160718/AnuncioG0424-010716-0014_gl.html